FP Innova 2018

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, despois do éxito da primeira e da segunda edición, dálle continuidade a esta iniciativa coa celebración de FP Innova Galicia 2018, Congreso de Innovación na Formación Profesional, que terá lugar entre os días 25 e 27 de abril na Cidade da Cultura de Galicia.

 

Un espazo expositivo no que conflúen a innovación e o emprendemento, a formación e a empresa

O congreso contará cunha zona expositiva de 4.100 m2, distribuída nos andares -1 e 0 do Museo Centro Gaiás, na que as persoas asistentes poderán coñecer:

A investigación e a innovación que os centros de formación profesional de Galicia están a desenvolver en colaboración con empresas e institucións, a través da visualización en directo dos 30 proxectos de innovación que se presentan e que abranguen as tecnoloxías máis punteiras do mercado.
 
A innovación ligada ao emprendemento, representada nunha mostra de 17 proxectos empresariais de miniempresas que o alumnado e o profesorado puxeron en marcha, no marco do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, eduemprende.  
 
A experimentación en primeira persoa das novas tecnoloxías, coa participación nos obradoiros que se desenvolverán e que versarán sobre robótica, impresión 3D, electrónica, fabricación de drons, madeira, artes gráficas, estética, hostalaría ou industrias alimentarias.

 

Unha magnifica ocasión para coñecer as posibilidades que ofrece a formación profesional

Unhas ensinanzas que están a formar profesionais cunha alta capacitación que dan resposta ás necesidades dun tecido produtivo cada vez máis tecnificado e especializado. A alta taxa de inserción laboral das persoas tituladas nestas ensinanzas é un claro reflexo da potencialidade da formación profesional galega.

O acceso a estes espazos ten carácter gratuíto para o público en xeral. Os centros que desexen organizar unha visita para alumnado e profesorado deberán cubrir unha solicitude de inscrición, segundo as instrucións que recibiron por correo electrónico.