Convenios

A Lei orgánica de educación establece que a formación profesional comprende un conxunto de ciclos formativos de grao medio e de grao superior que teñen como finalidade preparar as alumnas e alumnos para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. E, como xa recollía a LOXSE, reitera que o currículo destas ensinanzas incluirá unha fase de formación práctica nos centros de traballo, da que poderán quedar exentos os que acrediten unha experiencia laboral que se corresponda cos estudos profesionais cursados.

Neste sentido, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén asinando convenios de colaboración con distintas empresas e institucións para involucrar estas entidades no desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional. A través da sinatura destes convenios, con institucións (consellerías, concellos, universidades, fundacións, ministerios), empresas e asociacións dos sectores que abarcan as vinte e seis familias profesionais de formación profesional, a consellería pretende que a formación impartida nos centros de formación profesional se corresponda coas esixencias dun mercado laboral en continuo cambio e que a produtividade, a competitividade e a innovación estea presente nas nosas empresas cos titulados de formación profesional.

Destacamos entre os obxectivos perseguidos coa sinatura destes convenios os seguintes:

  • Establecemento dun programa de formación en centros de traballo (FCT), para o alumnado de formación profesional, así como orientación na formación e actualización do profesorado, e cesión de equipamentos aos centros de formación profesional.
 
  • Participación das empresas e institucións na implantación de ensinanzas de formación profesional: Fundación San Calixto, Fundación Centro Oncolóxico Rexional de Galicia José Antonio Quiroga e Piñeiro, REPSOL Petróleo, etc.
 
  • Desenvolvemento das liñas de acción do Plan Galego de FP: coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para a implantación do sistema de recoñecemento, acreditación e avaliación da competencia, e medidas para a integración dos sistemas de cualificacións e formación profesional.
 
  • Recoñecemento e promoción dos títulos de FP de grao superior, coas tres universidades, para a validación de créditos en titulacións universitarias aos titulados de FP de grao superior.
 
  • Promoción e difusión das ensinanzas de FP: convenio asinado coa Asociación de Empresarios de Ferrolterra, pola implicación do sector empresarial das comarcas Ferrol, Eume e Ortegal na difusión e adecuación destas ensinanzas ás demandas das empresas da zona.

 

Impacto e incidencia

Os convenios teñen un impacto decisivo en canto á difusión e promoción destas ensinanzas, tanto polo significado das empresas e dos organismos cos que se asina (empresas, concellos, fundacións, universidade, ministerios, etc.) como pola repercusión de cara á formación do alumnado e do profesorado que actualizan os seus coñecementos á realidade dos contornos produtivos. Tamén implican un recoñecemento da importancia e o valor destas titulacións no progreso e no avance da sociedade.

Estes convenios inciden directamente:

  • Na participación das empresas dos distintos sectores produtivos nas ensinanzas de FP, especialmente a través da realización do módulo de formación en centros de traballo.
 
  • No achegamento das empresas aos centros que imparten FP.
 
  • Na mellora na inserción laboral dos alumnos de formación profesional e no contacto entre estas e os centros de Formación Profesional.
 
  • Na oferta de determinadas ensinanzas  cuxa implantación non sería posible sen a súa colaboración.
 
  • Na promoción do desenvolvemento do II Plan Galego de FP.
 

Beneficiarios

  • Alumnado: mellora a súa formación, facilitan tanto as saídas laborais como as académicas (universidade).
 
  • Profesorado de formación profesional: mellora a súa formación adecuándoa aos avances tecnolóxicos do momento.
 
  • Centros: adecúan as súas ensinanzas ás demandas das empresas, melloran os equipamentos, posibilitan a oferta de ensinanzas cuxa oferta sería dicícil ou imposible sen a súa colaboración.
 
  • Empresas e institucións: posibilitan a adecuación das ensinanzas ás demandas do sector produtivo correspondente.
 
Tema: