Europa. Next Station

É un proxecto de mobilidade do alumnado dentro do Programa de Aprendizaje Permanente Leonardo da Vinci, presentado e coordinado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Este proxecto foi aprobado polo OAPEE ( Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos), actualmente o Servizo para a Internacionalización da Educación (SEPIE) en 2012. O Programa diríxese a persoas en Formación Profesional Inicial (IVT) que comprende ao alumnado que cursa ciclos formativos de grao medio e programas de cualificación profesional inicial.

Neste proxecto participaron 17 centros que forman parte da rede de centros integrados de formación profesional (CIFP) de Galicia co fin de que 51 alumnos de ciclos formativos de grao medio que cursan os seus estudos en eles realicen unha parte do módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) en empresas de distintos países da Unión Europea: Finlandia, Alemaña, Portugal, Francia, Polonia, Italia, Irlanda e Países Baixos.

Estas mobilidades do alumnado foron financiadas con fondos da Unión Europea e tiveron unha duración de 5 semanas nas que desenvolveron o programa formativo proposto polos titores de FCT dos CIFP correspondentes. Na xestión do proxecto participaron os coordinadores de programas internacionais destes centros.

A finalidade deste proxecto foi a de incrementar o número de mobilidades IVT dos estudantes de ciclos de grao medio de Formación Profesional nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia para que melloraran a súa formación lingüística  e cultural, o coñecemento de diferentes formas de produción, deseño, materiais e formas de traballo noutros países da Unión Europea. Ao mesmo tempo recibimos alumnado deses outros países para que realizaran as súas prácticas en Galicia.

Con esta actuación creouse unha rede de contactos entre centros educativos NETWORKING-GALICIA para fomentar o intercambio de socios de acollida e de envío en novos proxectos de mobilidade para o alumnado e o profesorado de Galicia e de distintos países comunitarios.

Información e contacto:

Asesoría de emprendemento

Correo eléctrónico: eduemprende@edu.xunta.es

Teléfono: 981 54 65 64Programa de acción no ámbito da aprendizaxe permanente