Formación profesional dual en Galicia

A formación profesional do sistema educativo abrangue o conxunto de accións formativas estreitamente relacionadas coas ocupacións, as profesións e o mercado de traballo. Na actualidade, debido á súa ampla oferta, ao seu carácter modular e ás facilidades para a súa realización, preséntase como unha opción moi atractiva cunha alta porcentaxe de inserción laboral.

 Que é a FP dual?

É unha modalidade de formación profesional do réxime para as persoas adultas, e enténdese como o conxunto das accións e iniciativas formativas mixtas de emprego e formación que teñen por obxecto a cualificación profesional dos traballadores, nun réxime de alternancia de actividade laboral nunha empresa coa actividade formativa recibida no marco do sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo.

A FP dual integra os tres piares que sustentan o proceso de formación dun profesional: formación curricular (específica do ciclo formativo), traballo na empresa e formación complementaria (específica para os procesos produtivos da empresa), combinando a asistencia do alumnado no centro educativo coa súa formación e o seu traballo na empresa.

Que tipos de proxectos de FP dual existen na actualidade?

Hai dous tipos de proxectos de FP dual: por contrato de formación e aprendizaxe, ou por bolsa.

Percibe o alumnado de FP dual algún tipo de remuneración?

No caso de proxectos tipo contrato de formación e aprendizaxe, o alumnado percibirá a retribución establecida no convenio colectivo correspondente, e non poderá ser, en ningún caso, inferior ao salario mínimo interprofesional en proporción ao tempo de traballo efectivo.

Para o caso de proxectos tipo bolsa, o alumnado será beneficiario dunha bolsa dunha cuantía similar a dos proxectos tipo contrato durante a súa participación no proxecto.

Que diferencia a modalidade de FP dual do resto de modalidades de FP?

A característica principal da modalidade dual é que a formación do ciclo formativo é compartida entre o centro educativo e a empresa; consiste en que a empresa facilita os seus espazos, as súas instalacións e/ou as persoas expertas para realizar parcialmente determinados módulos profesionais. Igual que no resto de réximes e modalidades de formación profesional, a superación de todos os módulos dun ciclo formativo dá lugar ao correspondente título.

Cal é a duración dun ciclo formativo na modalidade dual?

Na modalidade dual da formación profesional, as 2.000 horas de formación dos ciclos formativos distribúense ao longo dun máximo de tres anos.

Cales son os requisitos para acceder á FP dual?

Para acceder a esta modalidade de FP é preciso cumprir os requisitos académicos que con caracter xeral se requiren para acceder aos ciclos de grao medio e de grao superior, dispoñibles no enderezo www.edu.xunta.es/fp, no epígrafe “Coñece a FP”, e ademais:

  • Non ter realizado con anterioridade un contrato de formación e aprendizaxe, e cumprir os requisitos establecidos na normativa laboral vixente para o poder efectuar.
  • Ter entre dezaseis e vinte e nove anos, e carecer da cualificación profesional obtida e recoñecida polo sistema de formación para o emprego ou do sistema educativo requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou a ocupación obxecto do contrato de formación e aprendizaxe.
  • Non ter superado ningún módulo profesional do ciclo formativo correspondente.

Cal é o vínculo do alumnado de FP dual coa empresa?

No caso de proxectos tipo contrato de formación e aprendizaxe, o alumnado é contratado pola empresa e é un traballador máis desta para todos os efectos. Para o caso de proxectos tipo bolsa, o alumnado terá a condición de bolseiro nesa empresa.

Que vantaxes teño ao estudar un ciclo formativo na modalidade dual?

Ao cursar un ciclo formativo de formación profesional na modalidade dual, has recibir unha remuneración desde o inicio do teu período de formación, que se irá incrementando cada ano á medida que aumente a túa competencia profesional, e terás maior facilidade para a integración no mercado laboral, ao dominar os procesos produtivos da empresa.

Etiquetas: