FPInnova2017 comeza hoxe con 40 proxectos innovadores

O II congreso FPInnova Galicia comeza hoxe coa exhibición de 40 proxectos innovadores, nos que participaron 23 centros educativos e 30 empresas. A feira reunirá, ao longo de tres días e nun único recinto –o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia– a un total de 250 alumnos, que darán a coñecer, a través de actividades demostrativas, os 32 proxectos que desenvolveron na aula, así como as 8 miniempresas creadas ao abeiro do programa Eduemprende.

Así mesmo, tamén se prevé a visita doutros 7.000 alumnos e alumnas de centros de toda Galicia, principalmente de ESO e de FP Básica, que poderán comprobar as potencialidades que hoxe presenta esta ensinanza a nivel de innovación, competitividade e empregabilidade.

O evento, que inaugurará hoxe o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, estenderase ata o venres e contará con dúas partes diferenciadas. Por un lado, a área expositiva dos proxectos de innovación e, por outro, a parte dedicada a congreso, á que asistirán arredor de 300 docentes. Neste contexto, cómpre destacar que as diferentes charlas e mesas redondas programadas contarán coa participación de empresas de relevancia como Navantia, Gas Natural Fenosa, Paradores ou Estrella Galicia, entre outras.

Ademais, tamén se prevé a presenza da directora xeral de Formación Profesional do Ministerio, así como de varios responsables institucionais de comunidades autónomas –Castela e León, País Vasco, Murcia e Comunidade Valenciana–, que tratarán a relevancia dos CIFPs en España. Nas mesas redondas tamén se contará coa participación da directora de programas da axencia Brainport Development, N.V. dos Países Baixos, Yvonne van Hest; así como do delegado rexional do Instituto de Emprego e Formação Profissional da Região Norte de Portugal, António Leite.

Así mesmo, e na parte propiamente de congreso, organizaranse un total de 19 obradoiros de innovación vinculados cos proxectos expositivos entre a tarde do mércores e a do xoves.

Descargue a app FPInnova do appstoreDescargue a app FPInnova do googleplay

Etiquetas: