www.edu.xunta.es
VOLTAR Ó PORTAL DA XUNTA VOLTAR Ó PORTAL DA XUNTA VOLTAR Ó PORTAL EDUCATIVO
Información dos ciclos formativos da formación profesional    

FP PLUS

Sánchez Piñón destaca que o proxecto FP PLUS constitúe unha iniciativa pioneira que achega a empresa á Formación Profesional
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, presidiu esta mañá a presentación desta iniciativa, que persegue que os alumnos materialicen as súas ideas, vivan en primeira persoa os retos do funcionamento dunha empresa e coñezan experiencias doutros emprendedores.

O proxecto consta de catro programas, que inclúen concursos de ideas innovadoras e proxectos empresariais, viveiros de empresas nos centros de FP, seminarios de formación e visitas guiadas a empresas.

Ademais, seis centros de Lugo, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Vigo participan na primeira fase do programa de empresas simuladas, que reproduce situacións reais dunha empresa nun centro educativo.

Sánchez Piñón salientou que este proxecto contribuirá a "deseñar unha nova FP que vai máis alá da aula, na que os centros de ensino buscan ser un referente en innovación e tecnoloxía"

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez Vázquez, presentaron esta mañá o proxecto FP Plus: Emprender na Formación Profesional, unha acción pioneira posta en marcha pola Administración educativa galega que busca promover iniciativas emprendedoras no eido da Formación Profesional así como fortalecer a mentalidade emprendedora fomentando valores empresariais e a creación dunha conciencia positiva de cara á asunción de riscos. Neste senso, FP Plus aposta por que os alumnos materialicen as súas ideas, vivan en primeira persoa os retos do funcionamento dunha empresa, coñezan in situ as experiencias doutros emprendedores e cheguen a crear a súa propia empresa nos centros públicos de FP.

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, salientou durante a súa intervención que FP Plus constitúe "un ambicioso e sofisticado proxecto con varias liñas de actuación que parten da necesidade de promover iniciativas emprendedoras no marco da Formación Profesional na Comunidade". "Con este conxunto de accións estamos a deseñar unha nova FP que vai máis alá da aula, na que os centros de ensino buscan ser un referente en innovación e tecnoloxía, unha FP integrada no mercado, e vinculada ás forzas produtivas e ao mundo empresarial e industrial".

O proxecto presentado hoxe contribuirá, segundo Laura Sánchez Piñón, a "ampliar e reforzar o espírito emprendedor do alumnado?. "Falamos de autoemprego, de iniciativa persoal para a creación de empresas propias e da responsabilidade do alumnado cun presente e cun futuro comprometido coa innovación, a mobilidade e a formación ao longo da vida?, salientou a conselleira.

Catro programas

Pola súa banda, o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, explicou que este proxecto consta de catro programas: FP Idea, FP, Simula, FP Avanza e FP Emprende. O primeiro consiste nun concurso que pretende promover a capacidade creativa e emprendedora do alumnado de Formación Profesional, así como fomentar o traballo por conta propia como opción profesional. Consta de dúas modalidades: idea innovadora, que premiará a mellor idea innovadora e orixinal que propoña un novo uso ou unha nova aplicación dun produto ou dun servizo que teñan relación co FP; e idea empresarial, que galardoará o proxecto empresarial máis innovador existente. Os proxectos poderán presentarse ata marzo de 2009.

FP Simula consiste nun proxecto que pretende contribuír ao fomento da cultura emprendedora, fomentar o uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación e formar ao alumnado no campo da xestión e a administración, reproducindo situacións reais mediante a simulación. Deste xeito, cada centro participante constitúe unha empresa virtual na que os postos de traballo son ocupados de xeito rotatorio polo alumnado. A empresa trata de reproducir os circuítos, as relacións e o movemento dos documentos administrativos que se produce na realidade do mundo empresarial.

Antonio Vázquez explicou ademais que FP Avanza pretende dar a coñecer de primeira man a experiencia de emprendedores e emprendedoras que afrontaron con éxito os seus proxectos. Deste xeito, entre outubro e novembro de 2008 os participantes realizarán un seminario de formación, e nunha segunda fase, no primeiro trimestre de 2009, visitarán empresas relacionadas co ciclo formativo que están a cursar. Por último, FP Emprende ten como obxectivo axudar ao alumnado na posta en marcha dos seus proxectos empresariais nos centros educativos. Así, nos centros participantes crearase, de xeito experimental, un departamento de iniciativas emprendedoras e un viveiro de empresas. O alumnado responsable dos proxectos asentados no viveiro contará co asesoramento dun gabinete técnico para a súa posta en funcionamento. Este programa comezará a funcionar, cun proxecto piloto, no curso 2008-2009.

O director xeral de Formación Profesional salientou que a Administración educativa agarda ?que os esforzos da posta en funcionamento destes programas sirvan para transmitir a idea de que existe unha nova FP que traballa desde unha perspectiva moderna e innovadora, que afronta novos retos, e se adapta ás necesidades cambiantes do sistema produtivo, co obxectivo de lograr mellores profesionais, porque neles está o futuro do país?. Así mesmo, Antonio Vázquez subliñou que ?en FP hai máis que alumnos e alumnas, hai profesionais en formación?.

Empresas simuladas

A directora do Instituto de Educación Secundaria (IES) Portovello, de Ourense, un dos que forman parte da rede de centros galegos de empresas simuladas, foi a encargada de presentar os proxectos que están actualmente en marcha. Así, Encarnación Fernández Seara explicou que este curso 2007-2008 está a realizarse, de xeito experimental, a primeira fase do programa en seis centros de FP. A estes seis centros unirase en abril o IES Ricardo Mella, de Vigo, que está a ultimar os pasos precisos para a posta en marcha da súa empresa. A segunda fase do programa iniciarase no curso 2008-2009. FP Simula vai dirixido ao alumnado dos centros que imparten as familias de Administración, comercio e marketing, e Hostalaría e turismo.

O Instituto de Educación Secundaria (IES) A Piringalla de Lugo ten en marcha unha empresa simulada de artigos de oficina e papelería, mentres que o IES Portovello de Ourense céntrase na prestación de servizos de hostalería e hidroterapia e venda de produtos cosméticos. O IES Fernando Wirtz de A Coruña conta cunha empresa simulada de confección e venda de prendas de roupa exterior; o IES Luís Seoane de Pontevedra cunha empresa de produtos e servizos informáticos; e o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol cunha empresa dedicada ao comercio de mobles. Pola súa banda, o IES A Guía de Vigo puxo en marcha unha empresa virtual de distribución de produtos galegos.

O acto de presentación tamén contou coa intervención de Daniel Argibay, alumno do IES A Guía, que explicou as características e o funcionamento da empresa simulada que se desenvolve no seu centro. Así, indicou que a empresa, denominada Gallaecia Distribución, se encarga da distribución de produtos galegos apoiados por denominacións de orixe cualificadas; ao tempo que salientou que esta empresa ?nace con vocación europea de divulgar, dar a coñecer e distribuír os produtos estrela da Comunidade galega?, como son o mexillón e o viño branco.

Os seis centros que xa están a participar no programa FP Simula terán unha representación no stand galego da VII Feira Internacional de empresas virtuais, que se celebrará a próxima semana en Barcelona e á que asistirá a conselleira de Educación. Laura Sánchez Piñón estará presente o mércores, 2 de abril, na inauguración da Feira, para logo percorrer os standsacompañada polos consellers de Educación e de Traballo, Ernest Maragall e María del Mar Serna Calvo, respectivamente.