As ensinanzas de Formación Profesional organízanse en ciclos formativos de duración variable, en función da natureza da competencia profesional buscada en cada caso e da formación precisa para adquirila.
Un ciclo formativo centra a ensinanza e a formación nun conxunto de coñecementos e habilidades que constitúen un bloque coherente de Formación Profesional específica que completan a formación necesaria para exercer unha profesión.
Son ensinanzas con valor académico, conducentes a unha titulación, pero ao mesmo tempo teñen valor profesional; a especificación dos seus contidos establécese de acordo coas necesidades do mundo laboral. Teñen como finalidade proporcionar a formación necesaria para:
Adquirir a competencia profesional característica de cada título.
Comprender a organización e as características do sector correspondente.
Coñecer a lexislación laboral básica e os dereitos e obrigas que se derivan do traballo.
Dispor dos coñecementos e das habilidades que se precisan para traballar en condicións de seguridade.
Coñecer os mecanismos de inserción laboral.
Afondar na autonomía, identidade e madureza persoal e profesional, de xeito que se poidan realizar futuras aprendizaxes e adaptacións ó cambio de cualificacións.
En resumo, os ciclos formativos poden ser definidos como "ensinanzas de estructura modular e de duración variable que teñen como finalidade primordial preparar ao alumnado para o exercicio cualificado dunha profesión".