www.edu.xunta.es
VOLTAR Ó PORTAL DA XUNTA VOLTAR Ó PORTAL DA XUNTA VOLTAR Ó PORTAL EDUCATIVO
Información dos ciclos formativos de formación profesional    
 

Como se accede a un ciclo de grao superior de réxime xeral?

Pódese acceder de xeito directo, se se cumpren determinadas condicións, ou mediante unha proba, para a que se reserva o 20% das prazas. Nos ciclos formativos de grao superior reservarase como mínimo o 10% das prazas que se oferten en cada ciclo para o alumnado con algún grao acreditado de discapacidade física, motora ou sensorial que obtivese dictame favorable da Comisión Autonómica de Escolarización.

Acceso directo.
Para cursar os ciclos formativos de grao superior requírese cumprir algún dos seguintes requisitos:
Posuír o título de Bacharelato.
Ter superado o segundo ciclo da reforma das ensinanzas medias (REM).
Ter superado o curso de orientación universitaria ou preuniversitario.
Posuír o título de técnico especialista, técnico superior ou equivalente para efectos académicos.
Posuír unha titulación universitaria ou equivalente.

Acceso mediante proba.
Nesta proba de acceso, a persoa aspirante deberá acreditar os coñecementos e as habilidades suficientes para cursar con proveito as devanditas ensinanzas.
Poden concorrer ás probas:
a) Aquelas persoas que teñan cumpridos 19 anos ou que os cumpran no ano en que se realicen as probas.
b) Aquelas persoas que cumpran ou teñan cumpridos 18 anos de idade no ano natural de celebración da proba e estén en posesión do título de técnico que pertenza a algunha familia profesional incluída na opción á que opta.

Orde de prioridade no acceso

Acceso directo.
No caso de que o número de solicitudes de admisión por acceso directo supere o número de prazas ofrecidas establecerase a seguinte orde de prelación para a adxudicación de prazas:

1. As persoas solicitantes que cumpran requisitos en xuño teñen preferencia, en calquera caso, sobre as que cumpran os requisitos en setembro.

2. Nos ciclos formativos de grao superior de formación profesional, e segundo o disposto no artigo 27.5º do Decreto 30/2007, do 15 de marzo, cando non existan prazas suficientes terá prioridade o alumnado que:
Cursase a modalidade de bacharelato que se determine para cada ciclo coas materias vinculadas a el.
Cursase a modalidade de bacharelato sen algunha das materias vinculadas ao ciclo.
Cursase algunha das modalidades de bacharelato distintas das establecidas nos parágrafos anteriores.
Dispoña do título de técnico superior ou equivalente.
Dispoña dunha titulación universitaria ou equivalente.

3. Dentro de cada un dos colectivos anteriores, a orde de prioridade virá determinada por:
1) Maior nota media no expediente académico en relación á titulación académica de acceso.
2) Maior nota ou maior nota media nas materias vinculadas.
3) En caso de empate entre varias persoas solicitantes por un mesmo posto escolar, e co obxectivo de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarrepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representado na área profesional en que se demande a praza de formación.
4) De persistir o empate, resolverase mediante sorteo público.


Acceso mediante proba.
O 20% das prazas reservadas para solicitantes que acceden mediante proba asignarase, no caso de que o número de solicitantes supere o número de prazas, atendendo ás maiores notas acadadas na proba de acceso. En caso de empate, efectuarase un sorteo ante a Comisión Autonómica de Escolarización. O acceso por proba é incompatible co acceso directo.


Reserva para alumnos con necesidades educativas especiais.
Do total de postos escolares que se ofrecen, reservarase un 10% para estudantes que teñan recoñecida unha discapacidade, respectando as porcentaxes fixadas para o acceso directo e para o acceso por proba.
Os postos escolares reservados ás persoas con discapacidade que non resulten cubertos acumularanse aos restantes ofrecidos.


Características das probas de acceso.

A proba de acceso consta de dúas partes:
a) Parte común. Organízase en tres probas:
    - Lingua galega
    - Lingua castelá
    - Matemáticas
b) Parte específica. Organízase en tres opcións (A, B e C)
    - Opción A: Economía da empresa, Lingua estranxeira (inglés ou francés) e Filosofía e cidadanía.
    - Opción B: Debuxo técnico, Tecnoloxía industrial e Física.
    - Opción C: Ciencias da terra e ambientais, Química e Bioloxía.

A nota final da proba calcularase sempre que se obteña alomenos unha puntuación de catro puntos en cada unha das partes e será a media aritmética destas, expresada con dous decimais, sendo positiva a cualificación de cinco puntos ou superior. En caso contrario, a nota final cualificarase con "non apto".


Exencións da proba de acceso.

Os participantes nas probas de acceso a ciclos formativos de grao superior poderán solicitar a exención total ou parcial da proba.

As persoas que teñan superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos quedarán exentas de realizar esta proba e poderán participar directamente no proceso de admisión a ciclos formativos sen necesidade de inscribirse nas probas de acceso.

A solicitude de exención parcial da proba deberase formular no momento da inscrición. A acreditación positiva de exención dalgunha das partes da proba de acceso a ciclos de grao superior manterá a súa validez en futuras convocatorias dentro do ámbito da comunidade autónoma galega.


Inscrición e celebración das probas de acceso a ciclos de grao superior.
Celebrarase unha convocatoria ordinaria anual de probas de acceso aos ciclos de grao medio.

A inscrición para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior farase na secretaría dos institutos públicos de ensino secundario e nos centros integrados en que se impartan ensinanzas de formación profesional inicial, nas datas que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o modelo de inscrición que se facilite para tal efecto.


Validez da certificación de superación da proba.
Expediráselle a acreditación correspondente ao alumnado que superara a referida proba. Para facilitar a mobilidade do alumnado, a certificación que se obteña tras a superación da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional inicial será válida como requisito de acceso a todos os ciclos formativos relacionados coa opción elixida para a proba. A certificación de superación da proba terá validez como requisito de acceso en todo o territorio nacional, e manterá a súa vixencia sempre que non se modifique o título e as ensinanzas correspondentes ao ciclo formativo.


No caso de non superar a totalidade da proba, a cualificación nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco manterase en futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de grao superior en Galicia durante un máximo de dous anos.