Condicións de acceso. Para inicia-los ciclos formativos de grao superior cumprirá dispor do título de bacharel (ou equivalente) e superar unha proba específica.
Están exentas de realizar a proba específica as persoas que cursasen no Bacharelato determinadas materias concordantes cos estudios profesionais ós que queiran acceder.
Poderá accederse tamén sen estar en posesión dos requisitos académicos, sempre que ademais da proba específica o aspirante realice unha proba de madureza.
Para poder concorrer á proba de madureza é necesario ter cumpridos 20 anos de idade no momento da súa inscrición ou cumprilos no ano natural de celebración da proba.
Distribución das prazas. Os centros reservarán para acceso directo, sen necesidade de supera-la proba específica, un 50% das prazas dispoñibles para os aspirantes que superasen os estudios experimentais de Bacharelato artístico ou Bacharelato na modalidade de Artes, e que teñan superadas as materias de modalidade que se determinan para cada ciclo. Reservarase, así mesmo, un 10% das prazas ofertadas para aqueles aspirantes que posúan o título de técnico superior correspondente a outro ciclo formativo da mesma familia profesional ou graduado en artes aplicadas e oficios artísticos da mesma familia profesional á que se pretenda acceder.
Proba de acceso (madureza). Aqueles aspirantes que non reúnan os requisitos académicos deben acredita-la súa madureza para cursa-las ensinanzas mediante unha proba que se define de seguido:
Características. Os contidos da proba de acceso adecuaranse ó currículo de Bacharelato da modalidade de artes. Consta de dúas partes:
Parte de materias comúns. Acreditará a madureza en relación cos obxectivos do Bacharelato relativos ás materias comúns a tódalas modalidades.
Parte de materias da modalidade de artes. Versará sobre contidos relativos ás materias específicas da modalidade de artes. Avaliará as capacidades respecto ó campo profesional correspondente ó ciclo formativo.
A valoración de cada unha destas partes expresarase mediante unha cualificación numérica, de 1 a 10. Para a superación da proba cumprirá acadar en cada un dos exercicios a cualificación mínima de 5. A puntuación final será a media aritmética, con dous decimais, das cualificacións obtidas en cada parte.
Exencións da proba de acceso. Poderán quedar exentas da parte de materias comúns as persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos, en función do grao de afinidade da proba de acceso á universidade e o ciclo formativo ó que se queira acceder.
Certificacións. A secretaría do centro no que se realizou a proba expedirálle-la acreditación correspondente ás persoas que superase na referida proba de madureza. A certificación de superación da proba de madureza terá validez como requisito de acceso en todo o Estado, e manterá a súa vixencia sempre que non se modifiquen as ensinanzas.
Inscrición e celebración da proba de acceso a ciclos de grao superior. A inscrición para a proba de acceso ós ciclos formativos de grao superior farase na secretaría das escolas de artes .
O resultado das probas de acceso a ciclos formativos deberá facerse público durante o mes de setembro nos centros onde estas se desenvolveron.
Proba específica. Os aspirantes a cursar un ciclo formativo de grao superior de artes plásticas e deseño, ademais dos requisitos académicos, deberán superar unha proba específica que se estructura nos seguintes exercicios:
a) Primeiro. Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, de temas propostos nun texto ou por medio de documentación gráfica relacionados coas artes plásticas. Valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.
b) Segundo. Realización, durante un tempo máximo de dúas horas, de bosquexos sobre un tema proposto, que servirán de base para a execución posterior. Valoraranse as destrezas, as habilidades e as capacidades de percepción, de observación e de aptitude para os estudios concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.
c) Terceiro. Execución, durante un tempo máximo de dúas horas e do xeito que determine o tribunal, dun traballo relacionado co ciclo ó que se aspira a acceder, a partir dos bosquexos realizados no exercicio anterior. Valorarase a capacidade compositiva e a predisposición para os estudios concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.
A valoración de cada un dos exercicios expresarase mediante unha cualificación numérica, de 1 a 10. Para a superación da proba será necesario acadar en cada un dos exercicios a cualificación mínima de 5. A puntuación final será a media aritmética, con dous decimais, das cualificacións obtidas en cada exercicio.
Exencións da proba. Estará exento de realiza-la proba anterior:
a) Quen dispoña do título de bacharel na modalidade de artes e teña superada a materia de Fundamentos do deseño, así como as dúas materias desta modalidade de Bacharelato que se determina para cada ciclo formativo (véxase anexo IV b: Materias de modalidade que determinan acceso sen proba ós ciclos de grao superior de artes plásticas e deseño).
b) Quen superase a modalidade de artes do Bacharelato experimental.
c) Quen posúa o título de técnico superiorde artes plásticas e deseño noutro ciclo formativo da mesma familia profesional.
d) Quen estea graduado en artes plásticas e oficios artísticos na familia profesional á que se pretende acceder. Poderán quedar exentas da proba específica as persoas que acrediten, polo menos, un ano de experiencia laboral en campos profesionais que se correspondan cos estudios do ciclo que se pretenda cursar.
Certificacións. A superación da proba acreditarase mediante unha certificación expedida pola secretaría do centro no que esta se realizou.
Inscrición e celebración da proba específica. A inscrición para aproba específica, débena realiza-los aspirantes tanto de acceso directo non exentos desta proba específica como os que accedan mediante proba de madureza.
O resultado da proba específica para ciclos formativos de grao superior deberá facerse público antes da finalización do mes de setembro nos centros onde esta se desenvolvera.
Admisión nos ciclos formativos de grao superior deartes plásticas e deseño
Trátase dun sistema descentralizado por provincias. Non obstante, existe una Comisión de Escolarización Autonómica que coordinará a admisión para tódolos centros do territorio galego.
Proceso de inscrición e matrícula. O alumnado que queira acceder ós ciclos formativos en centros sostidos con fondos públicos deberá efectuar unha única solicitude de inscrición, na secretaría do centro que oferta as ensinanzas do ciclo formativo que desexa cursar e que foi elixido como primeira opción. Na solicitude pódense consignar outros centrose outros ciclos.
No caso de que o número de solicitantes para o acceso directo ós ciclos formativos de grao superior sexa maior có número de prazas ofertadas, establecerase unha prelación segundo a maior puntuación media do seu expediente académico. No caso de que o número de solicitantes para o acceso mediante proba ós ciclos supere o número de prazas ofertadas, aplicarase como criterio de prioridade a maior puntuación na proba e, no caso de empate, efectuarase un sorteo público.
Os centros farán públicas as listaxes de persoas admitidas ás correspondentes probas específicas antes do seu inicio, con indicación das datas e o lugar de celebración (véxase información sobre proba específica).