A formación proporcionada polas ensinanzas de carácter xeral (formación xeral e Formación Profesional de base obtidas a partir do Bacharelato na modalidade correspondente) superadas como requisito de acceso, seguida da Formación Profesional específica proporcionada polos ciclos de grao superior, permiten a obtención dunha titulación profesional con validez en todo o Estado, expedida pola Administración educativa, que acredita ó seu posuidor unha capacitación profesional asociada a un determinado perfil profesional e unha cualificación de nivel 3 dentro da Unión Europea.
A titulación obtida polo alumno trala superación de tódolos módulos que integran un ciclo formativo de grao superior é a de "técnico superior"na correspondente profesión, coa que pode acceder ó mundo laboral.
Esta formación contén unha maior carga de coñecementos teóricos cá de nivel 2; a actividade neste nivel diríxese principalmente a un traballo técnico que pode ser executado de forma autónoma e/ou comportar responsabilidades de encadramento e de coordinación. Xa que logo, a cualificación achegada por un ciclo de grao superior implica o desempeño dun posto de traballo con maior autonomía có desempeñado por un técnico e posibilita a asunción de responsabilidades de nivel intermedio.