Os ciclos formativos organízanse internamente en módulos profesionais de formación teórico-práctica, cunha duración especificada en horas.
Módulos
Enténdese por módulo profesional un conxunto de ensinanzas de Formación Profesional específica con coherencia e entidade propia, agrupadas pola súa vinculación cunha ou varias unidades de competencia dun título ou ben pola súa contribución ao logro das finalidades da Formación Profesional. Estes módulos profesionais son susceptibles de ser acreditados separadamente e poden ser capitalizables no sistema de Formación Profesional, tanto regrada ou inicial como ocupacional, para acadar unha titulación profesional. Mentres a anterior Formación Profesional se estructuraba en materias e áreas de coñecemento (agrupación de materias afíns), os ciclos formativos organízanse en unidades modulares (módulos profesionais).
Tipos e finalidades dos módulos
Os ciclos formativos comprenden dúas facetas complementarias e diferentes: unha desenvolvida nos centros educativos (conxunto de módulos profesionais impartidos no centro) e outra desenvolvida nos centros de traballo, a través dos oportunos acordos de colaboración coas empresas (módulo de formación en centro de traballo).
a) Módulos impartidos no centro educativo. Tódolos ciclos formativos inclúen:
Módulos de contido tecnolóxico-práctico. Son os propios de cada titulación e están relacionados coas competencias profesionais do perfil conectadas co correspondente título.
Módulo profesional de formación e orientación laboral. Inclúe un bloque de contidos relacionado co coñecemento do respectivo sector productivo na Comunidade Autónoma de Galicia. Contribúe ao coñecemento da lexislación laboral básica e das condicións de saúde e de risco de cada profesión, e ao favorecemento dos procesos de inserción laboral.
Módulo de proxecto integrado. Este módulo, que poden incluír os ciclos formativos de grao superior que se imparten en Galicia, contribúe a comprender globalmente o resto de módulos de contido tenolóxico-práctico impartidos no centro educativo; integra ordenadamente distintos coñecementos de organización, técnicas e procesos que se desenvolven nas diferentes actividades productivas do sector correspondente ao título, e promove a adquisición de coñecementos, destrezas, habilidades e actitudes que favorezan o desenvolvemento da profesión para a que se forma o alumnado, demandas polo contorno productivo e que non poden ser recollidas no resto dos módulos profesionais. No desenvolvemento do módulo de proxecto integrado polo centro educativo tómase como referencia un proceso productivo ou de servicios, real ou simulado.
Ademais, tódolos ciclos contan cun número de horas para a libre disposición do centro educativo, que se utilizarán no primeiro ano para reforzar nos módulos tecnolóxico-prácticos asociados a unidades de competencia, as capacidades da Formación Profesional, e para lles dar resposta ás características dos alumnos e ás necesidades de desenvolvemento económico e social do seu contorno productivo.
b) Módulo de formación en centros de traballo. É de carácter obrigatorio para tódolos ciclos formativos e estructúrase a través do programa formativo deseñado para cada centro productivo. Esta formación desenvólvese procurando aplicar as competencias profesionais adquiridas no centro educativo e complementalas con aquelas previamente identificadas entre as actividades productivas do centro de traballo. Con carácter xeral, constitúe a derradeira fase da formación no ciclo.
- Máis información
Deseño Curricular
As características fundamentais de cada ciclo formativo están reflectidas no seu documento base do título (DBT), que contén esencialmente as seguintes especificacións:
Identificación e referencia ao sistema productivo do título correspondente.
Obxectivos formativos do ciclo: capacidades que as persoas teñen que adquirir ao finalizar o ciclo.
Denominación e duración.
Módulos profesionais que o compoñen. Bloques temáticos fundamentais dos diversos módulos.
Condicións de acceso: requisitos de índole formativa, de idade ou profesionais que se establecen para acceder a ese ciclo.
Con todo, cada ciclo está adaptado ás características e ás necesidades do contorno productivo galego mediante o correspondente decreto da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que establece o seu currículo básico (DCB) no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, documento que contempla os seguintes aspectos:
Currículo básico, que constitúe as ensinanzas obrigatorias do ciclo.
Duración total do ciclo. - Módulos que o compoñen, así como a súa secuenciación.
Horario mínimo de cada módulo.
Profesorado que asumirá a docencia de cada módulo.
Horario mínimo do módulo de formación en centros de traballo.
Validacións e/ou correspondencia coa formación ocupacional e coa práctica laboral para determinados módulos.
Condicións de acceso ao ciclo.
Ensinanzas ás que dá acceso a superación do ciclo.
Requisitos mínimos de espacios e de instalacións para poder impartir o ciclo.
Os contidos establecidos no decreto permiten que os centros educativos desenvolvan estes ciclos formativos mediante a elaboración dun proxecto curricular de centro para o ciclo, que ten en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do contorno socioproductivo e responde ás características do alumnado ao que se dirixen.
Cada grupo de alumnos dun ciclo formativo terá un profesor ou profesora que desempeñen a titoría, que pertencerá ao equipo que imparta docencia en cada curso académico.
Duración dos ciclos
A duración destes ciclos está comprendida entre 1.300 e 2.000 horas de formación, que se reparten entre o centro educativo e o centro de traballo. Con carácter xeral, a formación no centro educativo é a primeira que se imparte, e posteriormente aplícanse os coñecementos adquiridos completándoos co desenvolvemento da formación no centro de traballo. Existen catro tipos de ciclos segundo a súa duración:
Ciclos de 1.300 a 1.400 horas. Organízanse en catro trimestres, inclúen 960 horas impartidas no centro educativo durante os tres primeiros trimestres. Tralas vacacións de verán, desenvólvese o módulo de formación en centros de traballo, cunha duración de 340 a 440 horas.
Ciclos de 1.700 horas. Desenvólvense en cinco trimestres, teñen 960 horas de formación no centro escolar, que ocupan os tres primeiros, e unha formación en centros de traballo de 740 horas realizada tralas vacacións de verán, que dura dous trimestres.
Ciclos de 2.000 horas. Lévanse a cabo en 6 trimestres e ocupan dous cursos escolares completos. No primeiro curso (3 trimestres) impártese formación no centro escolar e durante o segundo curso existe unha dobre configuración:
- Se o ciclo inclúe 380 horas de formación en centro de traballo, entón os dous primeiros trimestres son de formación escolar e o último de FCT.
- Se o ciclo ten 710 horas de formación práctica en centros de traballo, o primeiro trimestre será de formación no centro educativo e os dous seguintes de FCT.
A distribución horaria para cada un dos módulos defínese no decreto polo que se establece o currículo (organización) de cada ciclo formativo. As sesións lectivas dos módulos impartidos no centro educativo nunca teñen unha duración inferior a 50 minutos pero, en todo caso, o número de sesións deberá completar o número total de horas recollidas no currículo do título.
Avaliación
O profesorado avaliará, de xeito individual e en equipo, as aprendizaxes dos alumnos. Esta avaliación será continua e realizarase por módulos profesionais. O profesorado considerará o conxunto dos módulos profesionais do ciclo formativo e contarán coa coordinación do profesor titor e coa asesoría do servicio de orientación do centro educativo.
Este proceso de avaliación continua do alumno require a súa asistencia regular ás clases e ás actividades programadas para os distintos módulos profesionais. Con todo, nos ciclos impartidos no réxime de persoas adultas o proceso avaliador adaptarase ás súas peculiaridades.
O equipo docente avaliará a madureza do alumnado en relación coas finalidades da Formación Profesional, tomando como referencia os criterios establecidos para cada módulo que permiten a valoración do grao de consecución das capacidades profesionais características de cada título.
Ao comezo das actividades do ciclo formativo, o equipo docente realizará unha sesión de avaliación inicial do alumnado que servirá para orientar e situar ao alumnado en relación co perfil profesional correspondente.
Cada trimestre lectivo celebrarase unha sesión de avaliación parcial (avaliación parcial de módulos). En todo caso, antes do comezo do período de formación en centros de traballo realizarase unha sesión de avaliación, que condiciona o acceso ó modulo de FCT. Unha vez finalizado o período de formación en centros de traballo, realizarase a avaliación final do ciclo formativo completo. Neste momento, o equipo docente elabora un consello de orientación dirixido a cada alumno, con obxecto de asesoralo sobre a súa incorporación ó mundo do traballo.