www.edu.xunta.es
VOLTAR Ó PORTAL DA XUNTA VOLTAR Ó PORTAL DA XUNTA VOLTAR Ó PORTAL EDUCATIVO
Información dos ciclos formativos de formación profesional    
 

 ¿Que modalidades existen dentro dos ciclos formativos? Graos e réximes de ensino


Existen dous grandes criterios á hora de clasificar as modalidades de oferta dos ciclos formativos:

a) Formación de base necesaria para o acceso e nivel de cualificación outorgado pola superación do ciclo.
Segundo este criterio os ciclos formativos están divididos en:

Ciclos de grao medio. Os ciclos formativos de grao medio requiren a formación profesional de base contemplada no Ensino Secundario Obrigatorio e capacitan para o exercicio de actividades suficientemente determinadas por traballos de execución e organización, que poden ser autónomos no límite da utilización dos instrumentos e as técnicas que lles son propias.

Ciclos de grao superior. Os ciclos de grao superior requiren a formación profesional de base recollida no Bacharelato. A súa competencia profesional está orientada ó exercicio de actividades relacionadas con traballos técnicos que poden ser executados de forma autónoma ou compartindo responsabilidades de encadramento e de coordinación. Estes ciclos implican un nivel de cualificación superior ao dos medios.

b) Réxime e natureza das ensinanzas que inclúe o ciclo.
Por réxime de ensinanza entendese o conxunto de normas, regras e principios que se establecen para regular o desenvolvemento do sistema educativo. Dentro da Formación Profesional específica existen dous réximes:

Ensinanzas de réxime xeral. Entre estas inclúese a Formación Profesional de grao medio, dentro do Ensino Secundario, e a Formación Profesional de grao superior. Estas ensinanzas, que se organizan en familias profesionais, teñen como finalidade capacitar o alumnado para o desempeño cualificado das distintas profesións, proporcionándolles unha formación polivalente que lles permita adaptarse ás modificacións laborais que se produzan ó longo da súa vida.

Ensinanzas de réxime especial. Comprenden as ensinanzas artísticas, que teñen como finalidade proporcionarlle ó alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais das artes plásticas e o deseño.

As ensinanzas de artes plásticas e deseño teñen unha estructura semellante á da Formación Profesional de réxime xeral; organízanse en familias profesionais e comprenden un conxunto de ciclos formativos de grao medio e de grao superior que tamén se organizan en módulos profesionais, cunha formación teórico-práctica e unha duración que estará en función da natureza da competencia profesional característica do título correspondente. Actualmente, en Galicia tamén se poden cursar estudios superiores de conservación e restauración de bens culturais. Estas ensinanzas son equivalentes a unha diplomatura universitaria, teñen unha duración de tres cursos e configúranse en cinco especialidades: arqueoloxía, pintura, escultura, documento gráfico e téxtiles.