www.edu.xunta.es
VOLTAR Ó PORTAL DA XUNTA VOLTAR Ó PORTAL DA XUNTA VOLTAR Ó PORTAL EDUCATIVO
Información dos ciclos formativos de formación profesional    
 

¿Que metodoloxías e formas de organización existen na impartición dos ciclos formativos?


Réxime ordinario.
É o réxime máis común e estendido na oferta de Formación Profesional específica. Vai dirixido á poboación dedicada con exclusividade aos estudios e implica a modalidade presencial no seguimento dos cursos, o que supón a asistencia obrigatoria e continuada do alumno ás actividades programadas e unha organización máis ríxida.

Os ciclos formativos ofertados en réxime ordinario só se poderán cursar de xeito completo, polo que o alumno terá que matricularse e facer seguimento de tódolos módulos que integren o seu ciclo formativo.

Con carácter xeral, o horario de programación das ensinanzas será diurno, en xornada partida de mañá e tarde, ata as 18:00 horas.

A matrícula formalizarase en cada curso académico, e con ela o alumnado terá dereito a unha única convocatoria por cada módulo profesional. Cada módulo profesional poderá ser obxecto de avaliación nun máximo de catro convocatorias con independencia do centro e do réxime ou da modalidade que se curse, bardante o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT), que o será nun máximo de dúas.

A matrícula en ciclos formativos polo réxime ordinario é incompatible coa matrícula en calquera outra ensinanza do mesmo réxime. No caso de ensinanzas de réxime diferentes e con compatibilidade horaria do 90% si que é posible realizar a mátricula simultánea, mais terase que solicitar autorización do servizo provincial de Inspección Educativa.

Coa finalidade de non esgotar as dúas posibilidades de matrícula, pódese renunciar, por unha soa vez, á matrícula do curso sempre que existan razóns xustificadas que impidan a normal dedicación aos estudios (enfermidade, traballo, circunstancias familiares, etc.). Esta solicitude de renuncia deberáselle presentar ó director do centro polo menos dous meses antes da avaliación final de módulos, para que este resolva.

Réxime de educación para as persoas adultas.
Está dirixido a garantir que as persoas adultas poidan adquirir, actualizar, completar ou ampliar os seus coñecementos e as súas aptitudes para o desenvolvemento persoal e profesional.

A organización e a metodoloxía baséanse na autoaprendizaxe, en función das experiencias, das necesidades e dos intereses do alumnado, e concíbense cunha maior flexibilidade para se adaptaren ás circuns- tancias do alumnado ó que se dirixen: con carácter xeral, as persoas adultas maiores de 18 anos que cumpran os requisitos académicos de acceso, e excepcionalmente, previa autorización, tamén poderán cursar ciclos formativos de grao medio por este réxime, as persoas maiores de 16 anos que acrediten a súa condición de traballadores.

Na actualidade, estas ensinanzas só poden seguirse mediante a modalidade presencial, caracterizada pola asistencia continuada do alumnado aos centros para realizar as actividades previstas nos correspondentes programas. Nas ensinanzas neste réxime pódense cursar calquera dos módulos formativos ofertados que integren o ciclo formativo, de maneira que o alumnado pódese matricular de módulos soltos ofertados. Neste caso, os módulos deberán ser dun mesmo ciclo e non poderán superar a carga lectiva anual de 960 horas e se garanta a compatibilidade horaria do 90%.

Ao alumnado matriculado polo réxime para as persoas adultas computaránselle as convocatorias xa consumidas tanto no réxime ordinario como no de adultos.

Excepcionalmente, cando un alumno ou alumna que curse estudios presenciais de Formación Profesional específica por este réxime para as persoas adultas non poida asistir a algún módulo, poderá ser autorizado a seguir esas ensinanzas en réximes distintos.

Con carácter xeral, o horario lectivo das ensinanzas polo réxime para as persoas adultas está establecido entre as 18 e as 23 horas, de luns a venres de acordo co seguinte:

Garantirase a homoxeneidade das franxas horarias en que se imparta cada módulo co fin de facilitar a asistencia do alumnado traballador.
As actividades lectivas de cada modulo desenvolveranse durante os tres trimestres do curso académico, agás o módulo de FCT.
Unha vez que se teñan superados todos os módulos formativos no centro educativo, a FCT realizarase ao principio do curso académico seguinte.
No caso de que o centro educativo oferte todos os módulos dun ciclo formativo de xeito modular, garantirase que o alumnado poida rematar as ensinanzas, agás a FCT, nun período de tres cursos académicos.

Está prevista -aínda que non implantada- a modalidade a distancia no réxime de ensinanza para as persoas adultas, dirixida a quen por determinadas circunstancias non poida asistir con regularidade ás actividades docentes. Unha vez inscrito, este alumnado poderá contar con todo o material especialmente elaborado para estas ensinanzas. Ademais, disporá de atención individual e colectiva en horarios adaptados ás súas necesidades, poderá adaptar o ritmo de estudio ás súas circunstancias e non terá que superar necesariamente cursos completos.