www.edu.xunta.es
VOLTAR Ó PORTAL DA XUNTA VOLTAR Ó PORTAL DA XUNTA VOLTAR Ó PORTAL EDUCATIVO
Información dos ciclos formativos de formación profesional    
 

Como se accede a un ciclo de grao medio de réxime xeral?

Pódese acceder de xeito directo, no caso de cumprir determinadas condicións, ou ben mediante unha proba, para a que se reserva o 20% das prazas. Nos ciclos formativos de grao medio reservarase como mínimo o 10% das prazas que se oferten en cada ciclo para o alumnado con algún grao acreditado de discapacidade física, motora ou sensorial que obtivese dictame favorable da Comisión Autonómica de Escolarización.

Acceso directo.
Para poder cursar estudios de ciclos formativos de grao medio débese cumprir algún dos requisitos seguintes:
Posuír o título de graduado en educación secundaria.
Posuír o título de técnico auxiliar.
Posuír o título de técnico.
Ter aprobado o segundo curso de bacharelato unificado polivalente (BUP).
Ter superado o segundo curso do primeiro ciclo experimental da reforma das ensinanzas medias (REM).
Ter superado o terceiro curso do plan de 1963 das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos.
Ter superado o segundo curso do plan experimental.
Ter superados outros estudios declarados equivalentes, para efectos académicos, con algúns dos anteriores.


Acceso mediante proba.
Nesta proba de acceso, a persoa aspirante deberá acreditar os coñecementos e as habilidades suficientes para cursar con proveito as devanditas ensinanzas.

Poden concorrer ás probas aquelas persoas que teñan cumpridos 17 anos ou que os cumpran no ano en que se realicen as probas.

As dúas formas de acceso son incompatibles. En todo caso, ao acceso mediante proba unicamente poderán concorren as persoas que carezan de requisitos académicos que posibiliten o acceso directo.


Características das probas de acceso.
A proba de acceso é común para todo os ciclos formativos de grao medio e así se fai constar na certificación.

Estructúranse en tres partes, cada unha delas asociada a unha serie de competencias básicas consideradas imprescindibles para cursar con aproveitamento un ciclo formativo de grao medio:

a) Parte sociolingüística. Organízase en tres probas:
    - Lingua castelá
    - Lingua galega
    - Ciencias sociais

b) Parte matemática. Organízase nunha única proba:
    - Matemáticas

c) Parte científico-técnica. Organízase en dúas probas:
    - Ciencias da natureza
    - Tecnoloxía

A valoración de cada unha destas partes expresarase numericamente entre cero e dez. A nota final da proba calcularase sempre que se obteña polo menos unha puntuación de catro en cada unha das partes e será a media aritmética destas, expresada con dous decimais. Será positiva a cualificación de cinco puntos ou superior. En caso contrario, a nota final cualificarase como "non apto".


Exencións das probas de acceso.

Os participantes nas probas de acceso a ciclos formativos de grao medio poderán solicitar a exención total ou parcial da proba.

As persoas que reunan algunha das circunstancias para ter a exención total da proba poderán participar directamente no proceso de admisión a ciclos formativos sen necesidade de inscribirse nas probas de acceso.

A solicitude de exención parcial da proba deberase formular no momento da inscrición. A acreditación positiva de exención dalgunha das partes da proba de acceso a ciclos de grao medio manterá a súa validez en futuras convocatorias dentro do ámbito da comunidade autónoma galega.


Inscrición e celebración das probas de acceso aciclos de grao medio.
Celebrarase unha convocatoria ordinaria anual de probas de acceso aos ciclos de grao medio.

A inscrición para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio farase na secretaría dos institutos públicos de ensino secundario e nos centros integrados en que se impartan ensinanzas de formación profesional inicial, nas datas que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o modelo de inscrición que se facilite para tal efecto.

Certificacións.
Ás persoas que superen as referidas probas expediráselles a acreditación correspondente.


Validez da certificación de superación da proba.
A certificación de superación da proba terá validez como requisito de acceso en todo o territorio nacional e dará acceso a calquera ciclo formativo de grao medio, nas condicións de admisión que se establezan.

No caso de non superar a totalidade da proba, a cualificación nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco manterase en futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de grao medio en Galicia durante un máximo de dous anos.


Admisión nos ciclos de grao medio de Formación Profesional de réxime xeral


O seguinte enlace proporciona información xeral sobre o proceso de admisión a ciclos formativos de grao medio de FP.

    - Máis información


Admisión na oferta parcial de módulos para adultos

A admisión nestas ensinanzas non está sometida ao procedemento xeral para os ciclos; xa que logo, serán os centros ofertantes os que establecerán o procedemento de admisión. As persoas interesadas deberanse dirixir á secretaría dos centros que ofrezan eses módulos para solicitar información.