Os títulos de formación profesional pódense obter a través da superación de:
- Os ciclos formativos nos centros educativos tanto polo réxime ordinario como polo réxime para as persoas adultas.
- Probas para a súa obtención directa, estas son as denominadas probas libres.
Quen se pode presentar a este tipo de probas?
Existen dous tipos de requisitos para se presentar:
- Para o título de Técnico cumpre ter 18 anos e para o título de Técnico Superior hai que ter 20 anos, mais, para este caso, se xa se posúe o título de Técnico, pódense presentar aquelas persoas que teñan 19 anos.
- Ademais, deberanse cumprir os requisitos de acceso aos ciclos formativos, isto é, ou ben posuír a titulación académica necesaria para o acceso directo ou ben ter superada a proba de acceso aos ciclos formativos.
Cando se realizan?
A convocatoria é anual mediante a súa publicación no DOG.
En que consisten?
Son probas de carácter teórico-práctico que se realizan de xeito diferenciado por módulos profesionais. O contido referirase ao currículo vixente do módulo.