Novas da Rede

V Campionato de Sumillería "Suso Domínguez"

O CIFP Carlos Oroza celebrará o xoves 1 de marzo de 2018 o V Campionato de Sumillería “Suso Domínguez”, co obxectivo de por en valor o servizo de sala, o mundo do viño e a formación nas escolas públicas de hostalaría e turismo. Esta edición estará dedicada á DO Valdeorras, coa que se conclúe o percorrido polas DO galegas.

O campionato dará comezo ás 9 horas, coa primeira proba, un cuestionario específico sobre a DO Valdeorras, que os participantes realizarán nunha das aulas do centro. A segunda proba e terceira tamén serán desenvolvidas no centro, a identificación de olores, nez du vin 54 aromas e a identificaicón dun viño da DO Valdeorras entre 5 referencias dadas.

O concurso continuará a partir das 12 horas no auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe, a onde se trasladará todo o alumnado do centro, colaboradores e autoridades convidadas para dar paso á proba final, na que cada participante realizará unha proba de decantación tipo aireado coa que rematarán a súa participación no concurso.

O xurado encargado de decidir o campión de sumillería estará presidido, como en edicións anteriores, por Xoan Cannas, director do Instituto Galego do Viño. Tamén formarán parte do xurado, Guillermo Cruz Alcubierre, xefe de sumilleres do restaurante Mugaritz; Esther Daporta, sumiller do restaurante con estrela Michelín Yayo Daporta de Cambados; Jorge Mazaira, director técnico da DO Valdeorras; e Xosé Gontá e Martiño Santos, propietarios da tenda de viños Vide Vide de Santiago.

Haberá unha demostración de cociña con viño, a cargo de dous alumnos do Ciclo Superior de Dirección de Cociña, premiados recentemente en na Feira Gastronómica Xantar de Ourense, no concurso “Cociñar con Vino”.

O punto e final á xornada no auditorio será a entrega de premios ao gañador e o discurso das autoridades convidadas. Posteriormente celebrarase un xantar no taller restaurante Álvaro Cunqueiro do centro.