Validación de módulos profesionais

Validación de módulos profesionais


  

Requisitos e prazos para solicitar validacións

A persoa solicitante deberá estar matriculada nun centro docente autorizado e presentar a solicitude de validación perante a dirección do centro educativo dentro dos primeiros 20 días de inicio das clases. No caso de centros privados, a dirección deste dará traslado das solicitudes ao centro público ao que estea adscrito, no prazo de cinco días hábiles.

Cualificación dos módulos validados

Os módulos profesionais validados cualificaranse cun 5, a efectos da obtención da nota media, segundo o artigo 3.5 da Orde ECD/2159/2014, do 7 de novembro (BOE do 20 de novembro).

Alumnado matriculado en ciclos LOE

O alumnado matriculado en ciclos formativos dos títulos de formación profesional ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), poderá validar:

a) Os módulos profesionais que correspondan a partir de módulos superados de títulos da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), de acordo co establecido no anexo III da Orde ECD/2159/2014.

b) Os módulos profesionais que posúan similares resultados de aprendizaxe, criterios de avaliación e contidos básicos, con independencia do ciclo no que se inclúa, a partir de módulos superados de títulos da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, que están establecidos no anexo II da Orde ECD/2159/2014.

c) O módulo profesional de Formación e orientación laboral, ou o módulo de Empresa e iniciativa emprendedora, de ter aprobado o mesmo módulo en calquera dos ciclos formativos correspondentes aos títulos establecidos ao abeiro da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio.

d) O módulo de Formación e orientación laboral, sempre que se dea algunha das seguintes circunstancias:

1º. Se acredite ter superado o módulo profesional de Formación e orientación laboral establecido ao abeiro da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e se acredite a formación establecida para o desempeño das funcións de nivel básico da actividade preventiva, expedida de acordo co disposto no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención, con indicación expresa dos contidos superados. A data de finalización desta formación debe ser anterior á formalización da matrícula no módulo de Formación e orientación laboral.

2º. Se achegue o título de técnico superior en Prevención de Riscos Profesionais aprobado segundo a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

3º. Se obtivese a acreditación de todas as unidades de competencia incluídas no título, mediante o procedemento establecido no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, se acredite, polo menos, un ano de experiencia laboral e se estea en posesión da acreditación da formación establecida para o desempeño das funcións de nivel básico da actividade preventiva, expedida de acordo co disposto no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención, con indicación expresa dos contidos superados. A data de finalización desta formación e da acreditación das unidades de competencia incluídas no título debe ser anterior á formalización da matrícula no módulo de Formación e orientación laboral.

e) Os módulos profesionais que se establecen na norma pola que se regula cada título, por ter acreditada algunha unidade de competencia que forme parte do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais obtida exclusivamente mediante o procedemento de avaliación e acreditación das competencias profesionais establecido no Real decreto 1224/2009 ou mediante certificados de profesionalidades elaborados a partir do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Non é posible a validación de módulos achegando unha unidade de competencia obtida pola superación de módulos profesionais do sistema educativo. Neste caso aplicarase a validación de módulos que corresponda.

 

- Validacións entre módulos profesionais de títulos LOXSE e de títulos LOE (Actualizado o 13/09/2017)

Alumnado matriculado en ciclos LOXSE

O alumnado matriculado en ciclos formativos de títulos de formación profesional establecidos pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), poderá validar os módulos profesionais que correspondan, logo da aplicación do disposto:

a) Nos anexos I e II da Orde do 20 de decembro de 2001 (BOE do 9 de xaneiro de 2002), pola que se determinan validacións de estudos de formación profesional específica derivada da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, da ordenación xeral do sistema educativo, e na Orde ECD/1842/2002, do 9 de xullo (BOE do 19 de xullo), pola que se rectifican erros advertidos na Orde do 20 de decembro de 2001.

b) No anexo I da Orde ECD/2159/2014.

Validacións de módulos profesionais de Inglés ou Lingua estranxeira de títulos LOE e LOXSE

Os módulos profesionais de Inglés ou Lingua estranxeira, sempre que se trate da mesma lingua, serán obxecto de validación con módulos profesionais, certificados e titulacións universitarias oficiais, de nivel avanzado B2 ou superior, segundo o establecido nos anexos da Orde ECD/2159/2014.

Validacións de módulos profesionais por resolución de homologación dun título estranxeiro

Os módulos profesionais acreditados mediante resolución das administracións educativas por homologación dun título estranxeiro, poderán ser achegados como formación para proceder ás validacións que correspondan, nas mesmas condicións e seguindo o mesmo procedemento.

Procedemento de solicitude de validacións

O procedemento de validacións de módulos profesionais de ciclos formativos de formación profesional aterase ao disposto no artigo 41 da Orde do 12 de xullo de 2011.

A resolución favorable ou desfavorable do recoñecemento das validacións recollidas nos puntos anteriores corresponde á dirección do centro docente público onde conste o expediente académico do alumno ou a alumna.

Formularios de solicitude de validación de módulos profesionais competencia da dirección do centro educativo

Solicitude de validación de módulos profesionais competencia do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte
Os módulos profesionais que non estean incluídos nos puntos anteriores poderán ser obxecto de validación, de ser o caso, pola Subdirección Xeral de Orientación, Formación Profesional e Formación Profesional Dual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, sempre que se dean os seguinte supostos:

a) Que se acheguen estudos universitarios oficiais e se realice unha solicitude de validación de módulos profesionais incluídos en títulos regulados ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, ou da Lei orgánica 1/1990, do 3 outubro.

b) Que se acheguen títulos regulados ao abeiro da Lei 14/1970, do 4 de agosto, e que se realice unha solicitude de validación de módulos profesionais incluídos en títulos regulados ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, ou da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

c) Que se acheguen títulos regulados ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, e que se realice unha solicitude de validación de módulos profesionais incluídos en títulos regulados ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

Antes do 31 de outubro, o centro tramitará a solicitude de validación e a documentación achegada polo alumnado, logo da súa revisión e verificación, utilizando a sede electrónica do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (https://sede.educacion.gob.es).

O modelo de solicitude establecido para tal efecto, é o anexo IV da Orde ECD/2159/2014.

No caso das validacións de módulos profesionais que son competencia do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o procedemento aterase ao disposto na Orde ECD/2159/2014, do 7 de novembro.

Orientacións para as validacións de módulos profesionais de títulos de formación profesional achegando estudos universitarios

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ten publicadas unha serie de táboas coa finalidade de servir de orientación para solicitar as validacións adecuadas de módulos profesionais de títulos de formación profesional do sistema educativo (LOXSE ou LOE) achegando estudos universitarios oficiais.

 

Información complementaria

  • O módulo de empresa e iniciativa emprendedora que resulte validable con algún módulo pertencente a algún título establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, poderá ser validable en calquera dos títulos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006.
  • Os módulos profesionais que xa fosen previamente validados non poderán ser achegados como formación para solicitar outra validación de módulos.
  • Os estudos que teñan concedida a equivalencia específica ou xenérica, para os efectos académicos e/ou profesionais, con títulos de formación profesional non poderán ser utilizados á súa vez para a validación de módulos profesionais.
  • Os módulos profesionais que teñan os mesmos códigos e as mesmas denominacións, capacidades terminais ou resultados de aprendizaxe, contidos e duración, serán considerados idénticos, independentemente do ciclo formativo ao que pertenzan; trasladaranse as cualificacións obtidas nos módulos profesionais superados a calquera dos ciclos nos que os devanditos módulos estean incluídos, e por tanto non se trata dunha validación.
  • Polo anterior, os módulos co mesmo código, pertencentes a diferentes títulos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, que resultasen validables con algún módulo pertencente a algún título establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, poderán ser validables en calquera dos títulos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006.

Normativa relacionada

  • Orde ECD/2159/2014, do 7 de novembro, pola que se establecen validacións entre módulos profesionais de formación profesional do Sistema Educativo Español e medidas para a súa aplicación, e se modifica a Orde do 20 de decembro de 2001, pola que se determinan validacións de estudos de formación profesional específica derivada da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de Ordenación Xeral do Sistema Educativo. BOE do 20 de novembro
  • Orde do 12 de xullo de 2011, pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de formación profesional inicial. DOG 15/07/2011
  • Resolución do  3 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo no curso 2017/18

Nota: Os códigos dos ciclos e dos módulos formativos que se solicitan no formulario pódense obter do documento Validacións entre módulos profesionais de distintos ciclos de títulos LOXSE e de títulos LOE

Tema: