Validación de módulos profesionais

Validación de módulos profesionais


No BOE do 30/12/20, publicouse o Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, polo que se establecen validacións de módulos profesionais dos títulos de Formación Profesional do sistema educativo español e as medidas para a súa  aplicación, e se modifica o Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo.

No BOE do 15/06/2022, na Disposición final segunda do Real decreto 393/2022, do 24 de maio, polo que se establece o curso de especialización de Formación Profesional de Grao superior en Aeronaves pilotadas de forma remota-Drons, publicouse a modificación de ampliación do anexo III do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro polo que establecen validacións de módulos profesionais dos títulos da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación.

Anexos do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, para a validación de módulos profesionais qe son competencia do centro educativo:

  • Anexo I. Validacións de módulos profesionais LOXSE achegando estudos LOXSE.
  • Anexo II. Validacións de módulos profesionais LOE achegando estudos LOXSE.
  • Anexo III. Validacións de módulos profesionais LOE achegando estudos LOE. Modificado pola disposición final segunda do Real decreto 393/2022.
  • Anexo IV. As validacións de módulos profesionais de títulos LOE publicados a partir do 5 de marzo de 2017, están recollidas nos reias decretos dos títulos, agás as que figuran neste anexo (validacions adicionais).

Importante: Este Real decreto derroga os anexos relativos ás validacións de módulos profesionais establecidos nos anexos dos reais decretos que regulan os títulos de Formación Profesional derivados da Lei orgánica 2//2006, do 2/2006, do 3 de maio, publicados con anterioridade ao 5 de marzo de 2017.

Así mesmo, quedan derrogadas a Orde do 20 de decembro de 2001, pola que se determinan validacións de estudos de formación profesional específica derivada da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de Ordenación Xeral do Sistema Educativo e a Orde ECD/2159/2014, do 7 de novembro, pola que se establecen validacións entre módulos profesionais de formación profesional do Sistema Educativo Español e medidas para a súa aplicación e se modifica a Orde do 20 de decembro de 2001, pola que se determinan validacións de estudos de formación profesional  específica derivada da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de Ordenación Xeral do Sistema Educativo.

Requisitos e prazos para solicitar validacións

A persoa solicitante presentará a solicitude de validación daqueles módulos dos que estea matriculada perante a dirección do centro educativo.

1. Se a resolución da validación corresponde á dirección do centro educativo, o alumnado deberá presentar o anexo XIV da Orde 12 de xullo de 2011 debidamente cuberto, dentro dos primeiros 20 días de inicio das clases. No caso de centros privados, a dirección deste dará traslado das solicitudes ao centro público ao que estea adscrito, no prazo de cinco días hábiles.

2. Se a resolución de validación corresponde ao Ministerio de Educación e Formación Profesional, o alumnado deberá presentar o anexo V do Real decreto 1085/2020.

O prazo de presentación de solicitudes de validación que resolve o ministerio iníciase o día en que comeza o curso escolar e finaliza o derradeiro día do curso escolar. Só se poderá presentar unha única solicitude de validación por curso académico. Trataránse con preferencia os expedientes presentados dende o inicio do prazo para realizar a matrícula ata a finalización do mes de outubro de cada curso escolar.

Cualificación dos módulos validados

Cada módulo profesional validado recollerase nos documentos académicos, aos efectos de cálculo da nota media do ciclo formativo de Formación Profesional, coa cualificación obtida polo solicitante no módulo profesional cursado que conste na documentación académica correspondente, segundo o artigo 3.3. do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro (BOE do 30 de decembro). Naqueles casos, nos que a validación esixa considerar máis dun módulo profesional, a cualificación final será o resultado do cálculo da media aritmética das cualificacións obtidas nos devanditos módulos, sendo unicamente de aplicación cando se acheguen módulos profesionais de formación profesional do sistema educativo (LOXSE e LOE).

A validación de módulos profesionais achegando estudos de formación profesional regulados ao abeiro da Lei 14/1970, do 4 de agosto, Xeral de Educación e Financiamento da Reforma Educativa (FP1 e FP2), quedará rexistrada en todos os documentos de avaliación como “validado” e non computará aos efectos de nota media da nova formación.

Os módulos profesionais que sexan susceptibles de validación pola achega de estudos universitarios non levarán asinada ningunha puntuación, constando no expediente do alumnado como validado e non computarán aos efectos de cálculo da nota media, segundo se establece no artigo 3. 10 do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro.

A cualificación de validación de módulos profesionais de estudos de formación profesional regulados ao abeiro da Lei Orgánica 1/1990, do 3 de outubro, da Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE), será a que apareza no expediente académico da anterior formación.

A cualificación da validación de módulos profesionais de estudos de formación profesional regulados ao abeiro da Lei Orgánica 1/1990, do 3 de outubro, da Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE), achegando títulos de formación profesional regulados ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación (LOE), será a que apareza no expediente académico da anterior formación.

A validación de módulos profesionais achegando certificados de profesionalidade ao abeiro do Real Decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade quedará rexistrada en todos os documentos de avaliación como «validado».

A validación de unidades de competencia acreditadas por un procedemento de acreditación de competencias profesionais adquiridas mediante experiencia laboral quedará rexistrada en todos os documentos de avaliación como «validado».

A credencial de validación de módulos profesionais por homologación de estudos estranxeiros quedará rexistrada en todos os documentos de avaliación como «validado».

Alumnado matriculado en ciclos LOE

O alumnado matriculado en ciclos formativos dos títulos de formación profesional ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), poderá validar:

a) Os módulos profesionais que correspondan a partir de módulos superados de títulos da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), de acordo co establecido no anexo II do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, para aqueles títulos publicados anteriormente ao 5 de marzo de 2017.

b) Os módulos profesionais que posúan similares resultados de aprendizaxe, criterios de avaliación e contidos básicos, con independencia do ciclo no que se inclúa, a partir de módulos superados de títulos da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, que están establecidos no anexo III do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, para aqueles títulos publicados anteriormente ao 5 de marzo e 2017.

c) Os módulos profesionais que posúan similares resultados de aprendizaxe, criterios de avaliación e contidos básicos, con independencia do ciclo no que se inclúa, a partir de módulos superados de títulos da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, que están establecidos no anexo IV do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, para aqueles títulos publicados con posterioridade ao 5 de marzo e 2017.

d) O módulo profesional de Formación e orientación laboral, ou o módulo de Empresa e iniciativa emprendedora, de ter aprobado o mesmo módulo en calquera dos ciclos formativos correspondentes aos títulos establecidos ao abeiro da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio.

e) O módulo de Formación e orientación laboral, sempre que se dea algunha das seguintes circunstancias:

1º. Se acredite ter superado o módulo profesional de Formación e orientación laboral establecido ao abeiro da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e se acredite a formación establecida para o desempeño das funcións de nivel básico da actividade preventiva, expedida de acordo co disposto no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención, con indicación expresa dos contidos superados. A data de finalización desta formación debe ser anterior á formalización da matrícula no módulo de Formación e orientación laboral.

2º. Se achegue o título de técnico superior en Prevención de Riscos Profesionais aprobado segundo a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

3º. Se obtivese a acreditación de todas as unidades de competencia incluídas no título, mediante o procedemento establecido no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, se acredite, polo menos, un ano de experiencia laboral e se estea en posesión da acreditación da formación establecida para o desempeño das funcións de nivel básico da actividade preventiva, expedida de acordo co disposto no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención, con indicación expresa dos contidos superados. A data de finalización desta formación e da acreditación das unidades de competencia incluídas no título debe ser anterior á formalización da matrícula no módulo de Formación e orientación laboral.

f) Os módulos profesionais que se establecen na norma pola que se regula cada título, por ter acreditada algunha unidade de competencia que forme parte do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais obtida exclusivamente mediante o procedemento de avaliación e acreditación das competencias profesionais establecido no Real decreto 1224/2009 ou mediante certificados de profesionalidade elaborados a partir do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. A data da acreditación das unidades de competencia ou dos certificados de profesionalidade debe ser anterior á formalización da matrícula. Non é posible a validación de módulos achegando unha unidade de competencia obtida pola superación de módulos profesionais do sistema educativo. Neste caso aplicarase a validación de módulos que corresponda.

A acreditación de unidades de competencia demostradas a través de ofertas formativas autorizadas pola Administración laboral debe ser xustificada por medio de documentos recollidos no anexo II do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de prefosionalidade, modificado polo Real decreto 1675/2010, do 10 de decembro, e polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo, e non resultan suficientes para tal fin outras certificacións públicas ou privadas.

A acreditación de unidades de competencia demostradas a través do procedemento regularo polo Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, modifcado polo Real decreto 143/2021, do 9 de marzo, debe ser xustificada por medio do cumento recollido no artigo 18 e no anexo III-A da devandita norma.

 

Alumnado matriculado en ciclos LOXSE

O alumnado matriculado en ciclos formativos de títulos de formación profesional establecidos pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), poderá validar os módulos profesionais que correspondan, logo da aplicación do disposto:

a) No anexo I do Real decreto 1085/2020 de 9 de decembro.

b) O módulo profesional de Proxecto integrado de ciclos formativos de grao superior establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo é específico do ciclo formativo correspondente, polo que non será validable en ningún caso.

c) Cando se achegue calquera módulo de FOL (LOE) poderase validar con calquera módulo de FOL (LOXSE) de grao medio. Mentres que o módulo de FOL (LOXSE) de calquera ciclo de grao superior non poderá ser validado cando se achegue a superación do módulo de FOL (LOE) tanto sexa de grao medio como de grao superior, segundo se establece na Disposición transitoria segunda do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro.

Validacións de módulos profesionais de Inglés ou Lingua estranxeira de títulos LOE e LOXSE

O módulo profesional de Inglés ou Lingua estranxeira, sempre que se trate da mesma lingua, será obxecto de validación con módulos profesionais ou certificacións académicas oficiais de nivel avanzado B2, para ciclos formativos de grao superior, de nivel intermedio B1 ou superior, para ciclos formativos de grao medio, e titulacións universitarias oficiais en Filoloxía o Tradución e Interpretación, da mesma especialidade que a lingua estranxeira que se desexa validar.

O módulo profesional de Inglés ou Lingua estranxeira, sempre que se trate da mesma lingua, será obxecto de validación coa achega de títulos de formación profesional e módulos experimentais de nivel II ou nivel III, regulados ao abeiro da Lei 14/1970, do 4 de agosto, Xeral de Educación e Financiamento da Reforma  Educativa para solicitar a validación de módulos profesionais incluídos en títulos regulados ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, ou da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, segundo se establece no artigo 9 b) do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro.

Para a validación dos módulos de Lingua estranxeira profesional I e II terase en conta:

  • Os módulos profesionais de Lingua estranxeira profesional I e Lingua estranxeira profesional II poderanse validar con calquera outro módulo profesional dos ciclos formativos de grao superior que teña a mesma denominación.
  • Os módulos profesionais de lingua estranxeira profesional I e II, sempre que se trate da mesma lingua, serán obxecto de validación con módulos profesionais, e con certificacións oficiais do Marco común europeo e titulacións universitarias, de Nivel Avanzado B2 ou Superior, no caso de ciclos de Grao Superior, e de Nivel Intermedio B1 ou Superior, no caso de ciclos de grao medio.
  • Os módulos incluídos nos ciclos formativos de grao medio serán validados no caso de achegar formación correspondente a módulos profesionais de lingua estranxeira de ciclos formativos de grao medio ou de grao superior, establecidos tanto ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, como ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, en calquera das súas denominacións,e sempre que sexa a mesma lingua que se desexe validar.
  • Os módulos incluídos nos ciclos formativos de grao superior serán validados no caso de achegar formación correspondente a módulos profesionais de lingua estranxeira de ciclos formativos de grao superior, establecidos tanto ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, como ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, en calquera das súas denominacións,e sempre que sexa a mesma lingua que se desexe validar.
  • No caso de achegar o título de licenciatura ou de grao, ou equivalentes, en Filoloxía ou en Tradución e Interpretación, sempre que estean referidos á mesma lingua que se desexa validar.

Validacións de módulos profesionais por resolución de homologación dun título estranxeiro

Os módulos profesionais acreditados mediante resolución das administracións educativas por homologación dun título estranxeiro, poderán ser achegados como formación para proceder ás validacións que correspondan, nas mesmas condicións e seguindo o mesmo procedemento.

Procedemento de solicitude de validacións

Solicitude de validación de módulos profesionais competencia da dirección do centro educativo

A resolución favorable ou desfavorable do recoñecemento das validacións recollidas nos puntos anteriores corresponde á dirección do centro docente público onde conste o expediente académico do alumno ou a alumna.

O formulario da solicitude de validación de módulos profesionais, competencia da dirección do centro educativo, está establecido no anexo XIV da Orde do 12 de xullo de 2011.

Solicitude de validación de módulos profesionais competencia do Ministerio de Educación e Formación Profesional 
Os módulos profesionais que non estean incluídos nos puntos anteriores poderán ser obxecto de validación, de ser o caso, pola Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación da Formación Profesional do Ministerio de Educación e Formación Profesional, seguindo o procedemento establecido no Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, sempre que se dean os seguinte supostos:

a) Que se acheguen estudos universitarios oficiais e se realice unha solicitude de validación de módulos profesionais incluídos en títulos regulados ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, ou da Lei orgánica 1/1990, do 3 outubro.

b) Que se acheguen títulos regulados ao abeiro da Lei 14/1970, do 4 de agosto ou  da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro e que se realice unha solicitude de validación de módulos profesionais incluídos en títulos regulados ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio ou da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

c) Que se acheguen títulos regulados ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, e que se realice unha solicitude de validación de módulos profesionais incluídos en títulos regulados ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, agás os módulos de FOL e Inglés.

O centro tramitará a solicitude de validación e a documentación achegada polo alumnado, logo da súa revisión e verificación, utilizando a sede electrónica do Ministerio de Educación e Formación Profesional (https://sede.educacion.gob.es) e aterase ao disposto no artigo 6 do devandito real decreto.

O modelo de solicitude establecido para tal efecto, é o anexo V do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro. indicando de forma expresa na solicitude o código e a denominación exacta do módulo ou módulos profesionais para os que solicita a validación, establecidos nos reais decretos dos títulos.

A persoa solicitante, deberase rexistrar na sede electrónica do ministerio para poder descargar a resolución da súa solicitude. Mentres a persoa solicitante non estea en posesión da resolución non estará eximido da asistencia a clase e da súa presentación ás avaliacións correspondentes.

Tendo en conta o establecido no Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, sobre recoñecemento de estudos no ámbito da Educación Superior, as validacións entre estudos universitarios e de Formación Profesional poderase solicitar cando estes últimos pertenzan ao espazo da educación superior. Ademáis, o número de módulos profesionais dos ciclos de grao superior validados non poderá superar o 60% da totalidade de créditos ECTS establecidos no real decreto polo que se establece o título técnico superior e se fixan os aspectos básicos do currículo, sempre que se acheguen ensinanzas universitarias que estean relacionadas co campo de coñecemento e exista similitude entre as competencias, coñecementos e resultados de aprendizaxe.

Información complementaria

  • O módulo de empresa e iniciativa emprendedora que resulte validable con algún módulo pertencente a algún título establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, poderá ser validable en calquera dos títulos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006.
  • Os módulos profesionais que xa fosen previamente validados non poderán ser achegados como formación para solicitar outra validación de módulos.
  • Os estudos que teñan concedida a equivalencia específica ou xenérica, para os efectos académicos e/ou profesionais, con títulos de formación profesional non poderán ser utilizados á súa vez para a validación de módulos profesionais.
  • Os módulos profesionais que teñan os mesmos códigos e as mesmas denominacións, capacidades terminais ou resultados de aprendizaxe, contidos e duración, serán considerados idénticos, independentemente do ciclo formativo ao que pertenzan; trasladaranse as cualificacións obtidas nos módulos profesionais superados a calquera dos ciclos nos que os devanditos módulos estean incluídos, e por tanto non se trata dunha validación.
  • Polo anterior, os módulos co mesmo código, pertencentes a diferentes títulos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, que resultasen validables con algún módulo pertencente a algún título establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, poderán ser validables en calquera dos títulos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006.

Normativa relacionada

Tema: