As panadeiras. Obra de Colmeiro

A literatura galega floreceu na época medieval e caeu no silencio durante os Séculos Escuros (XVI, XVII e XVIII). Pero durante todo este tempo a fala mantívose viva e o pobo foi creando unha rica literatura popular que se mantivo ata os nosos días. Diversos autores foron recollendo nos nosos tempos estas creacións do pobo que nos van servir para realizar esta pequena análise.

ESTUDIOS FEITOS POR ALUMNAS


Fotografías de Galicia 1924-1926, Ruth M. Anderson, The Hispanic Society of América, Xunta de Galicia, 1998Fotografías de Galicia 1924-1926, Ruth M. Anderson, The Hispanic Society of América, Xunta de Galicia, 1998 Resulta moi interesante analizar a presencia da muller nestas manifestacións populares que nos deixaron os nosos devanceiros. Esta literatura reflicte, como é lóxico, a vida das galegas no campo e na mariña, non na cidade. A muller desempeñou sempre una papel moi importante na nosa sociedade. A muller do mariñeiro gobernaba a casa mentres o marido saía ao mar. A muller labrega tiña que levar a casa e todas as tarefas propias da muller, pero ademais tiña que saír axudar ao marido en moitas ocasións. Logo á noite no fogar, el podía descansar, ela tiña que deixar feitas todas as tarefas das mulleres. Se a muller quedaba viúva debía gardar un rigoroso loito e sacar adiante os fillos; se o home quedaba viúvo podía casar axiña e ter unha muller na casa que educase os fillos.
A moza tiña que estar metida na casa, gardar recato, non ter moitos mozos, obedecer sempre os pais. Era educada para ben casar. O mozo debía saír, podía ter moita experiencia, tiña máis liberdade, non era educado para casar. Aínda así, aquí sempre houbo moita máis comprensión ca en Castela coas nais solteiras e coas relacións prematrimoniais, o que non quere dicir que non estivesen mal vistas.
Temos pois que mirar se todo isto aparece na literatura popular.


Comezaremos vendo algo que se mantivo vivo na memoria da xente de xeración en xeración: os refráns. Con eles transmitíanse coñecementos sobre a vida, os animais, o comportamento da natureza, as miserias e ledicias da xente e moitos outros temas. Abondan os referidos á muller.

Outra faceta da literatura popular moi utilizada por pais e avós para divertir e ensinar as novas xeracións foron os contos populares. Tamén a muller está presente en moitos deles. Escollemos tres para observarmos como se retrata a figura da muller.

Logo analizamos as cantigas: facilitaban a memorización e eran un elemento esencial nos momentos en que mozos e mozas se xuntaban en fiadeiros, romarías, traballos, etc. Por iso nelas está máis presente o amor e as relacións entre uns e outras.

Finalmente botamos man dunha lenda popular para vermos se tamén aquí se mantén a mesma visión da muller que no resto da literatura popular.

A literatura popular móstranos moi ben a visión da muller na sociedade tradicional galega: valoración da muller-nai que goberna a familia e se mantén na casa, sen ocupar o lugar do home na sociedade.

SE COÑECES TI ALGÚN TEXTO DA LITERATURA POPULAR NO QUE SE MOSTRE ALGÚN ASPECTO DA VIDA DAS MULLERES, MÁNDANOLO OU ENTRÉGAO NA BIBLIOTECA


SE QUERES SABER MÁIS SOBRE:
AS MULLERES GALEGAS DE ONTE E DE HOXE: TRÁXICAS, VALENTES, TALENTOSAS, INTELIXENTES, ABNEGADAS, AS MULLERES GALEGAS FORON E SON A COLUMNA DA NOSA SOCIEDADE

http://www.geocities.com/galicianosa/mulleresgalegasdeonteehoxe.htm