11 de setembro de 2009. Este
documento pode actualizarse segundo mude a situación epidemiolóxica

![]()
As recomendacións
incluídas nesta guía teñen a finalidade de reforzar as medidas hixiénicas que
habitualmente se toman nos centros escolares e dar a coñecer as medidas de
prevención e actuacións que se deben poñer en marcha fronte a gripe pandémica A
(H1N1) e que tamén son de utilidade respecto doutras enfermidades infecciosas.
O seu obxectivo é limitar a transmisión do virus entre os integrantes da comunidade
educativa.
Segundo indicacións
do Ministerio de Sanidade e Política Social, todo neno ou nena en idade escolar
pode e debe ir ao colexio ou instituto, salvo nos casos en que padeza a
enfermidade da gripe A ou exista a sospeita de estar afectado por esta.
Igualmente, o Ministerio de Educación, seguindo as recomendacións do Ministerio
de Sanidade, indica que os centros deben permanecer abertos co fin de asegurar
que o alumnado que asiste á clase realice actividades educativas proveitosas.
Esta afirmación é igualmente aplicable ao profesorado e
ao persoal non docente que traballe no centro educativo. Tamén o é para o
colectivo de pais e nais á hora de ir ao colexio, levar e/ou recoller un neno
ou nena ou á hora de asistir a calquera evento ou consulta.
O Ministerio de Sanidade comunica así mesmo que, nestes
momentos, non é recomendable un peche dos centros escolares nin atrasar o
inicio do curso escolar por mor do novo virus da gripe, xa que os
inconvenientes para a sociedade dunha medida deste tipo superarían sobradamente
as posibles vantaxes, debido a que a escola é un servizo público e, como tal,
debe permanecer ao servizo da comunidade.
Segundo as pautas establecidas polo Ministerio de
Sanidade, serán as autoridades sanitarias competentes, en función da situación
epidemiolóxica, as que deberán avaliar un posible peche puntual dun centro por
un período concreto de tempo como consecuencia da aparición dun brote de gripe
A, co obxecto de diminuír a extensión da infección, sempre que consideren que
esta medida sexa realmente efectiva.
Os centros educativos deberán estar atentos ás actuacións
e informacións que transmitan as autoridades sanitarias e educativas con
respecto aos plans de preparación fronte á pandemia; así mesmo, deberán
colaborar con elas. Este contacto permitiralles aos centros educativos dispor
dunha información útil para facerlle fronte ao posible impacto da pandemia de
gripe na súa comunidade educativa e establecer plans e pautas de actuación en
colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Así mesmo, nos centros escolares estableceranse uns
procedementos e criterios de vixilancia sobre o absentismo escolar que permitan
unha comunicación rápida e oportuna de posibles brotes de gripe A cos servizos
de saúde, o que lles permitirá a estes unha rápida valoración do posible
impacto epidemiolóxico e social das medidas que cómpre adoptar.
Para poder realizar una avaliación inmediata do
absentismo escolar, habilitarase en cada centro un programa informático co fin
de recoller diariamente as ausencias que se produzan.
Para cumprir estes obxectivos, o centro debe levar a cabo
as seguintes actuacións:
1.
Levar un control diario do absentismo: para isto, os titores ou profesores
na primeira hora de clase da xornada escolar determinarán a ausencia de
alumnado na súa aula e comunicaranllo á persoa responsable do centro para o
control e seguimento da gripe A.
2.
Esta persoa introducirá no programa informático habilitado para o efecto
todas as ausencias que se produzan no centro (acceso á
aplicación).
3.
Ao longo da xornada escolar terase un seguimento do número de alumnado que
está ausente, así como do que presente síntomas de padecer a gripe.
4.
A propia configuración deste programa informático, que estará controlado
por técnicos da Consellería de Sanidade, permitirá establecer as actuacións
adecuadas no caso de que se excedan determinados niveis de absentismo, podendo
deste xeito adoptar as medidas pertinentes ante a posibilidade de que o centro
escolar teña un brote epidémico.
Os niveis de absentismo predeterminados son os seguintes:

De todas formas, chegados a estes niveis ou sempre que o
centro considere que se dan circunstancias anómalas de absentismo, os propios
centros poden contactar coas seccións de epidemioloxía da súa provincia
(ver epígrafe 4 do protocolo).
Aconséllase seguir as medidas recollidas neste protocolo
para reducir a difusión da enfermidade entre o alumnado e o persoal e buscar
consello médico, cando a situación o precise.
5.
Recoméndase que se eviten as alarmas innecesarias e, en todo caso, se actúe
segundo as indicacións das autoridades sanitarias.