Grupo de escolares admirando a "Carta Geométrica de Galicia" no MUPEGA.
Carta Geométrica de Fontán (1845).
(08/10/2018 | 11:39)
Hoxe celébrase o día da Ciencia en Galicia, adicándose este ano ao matemático e xeógrafo galego Domingo Fontán Rodríguez.
En xuño clausurouse a nosa exposición temporal de cartografía escolar "O mundo nas mans", na que a "Carta Geométrica de Galicia" levada a cabo por Fontán ocupaba un lugar especial como peza destacada.
Trátase do primeiro mapa científico da nosa comunidade e o mellor de España na primeira metade do século XIX. Fontán adiántase ao seu tempo empregando para as medicións un metro traído desde París, aínda que en España no se instaura por lei o Sistema Métrico Decimal ata o ano 1849. Dezasete anos foron necesarios para completar a obra, editada finalmente en 1845.
Aula cedida polo Mupega para a exposición "Castelao Maxistral"
(05/10/2018 | 11:35)
Hoxe inaugúrase na Cidade da Cultura: "Castelao Maxistral. A boa obra ao mestre honra". O Museo Pedagóxico de Galicia colabora cedendo unha aula completa e varias pezas de temática educativa das primeiras décadas do século XX.
A exposición trata de ligar a importancia dos mestres e mestras do periodo republicano co interese de Castelao pola docencia. No eixe central a obra icónica "A derradeira leición do Mestre" que se exhibe por primeira vez en Galicia
Invitámosvos a visitar esta interesante exposición do 5 de outubro ao 3 de marzo do 2019.
Alumnado da Facultade de Ciencias da Educación.
(03/10/2018 | 13:12)
Como cada ano co inicio do curso, onte recibimos a visita de dous numerosos grupos de alumnado da Facultade de Ciencias da Educación, acompañados polo seu profesor Vicente Peña Saavedra, moi vinculado ao MUPEGA.
Ámbolos dous grupos, un de 1º curso do Grao de Pedagoxía e o outro de 2º curso do Grao de Educación Social, visitaron a exposición permanente guiados polo persoal do museo.
Os futuros educadores e educadoras estiveron moi atentos as diferentes tipoloxías de espazos educativos recreados no museo. Agardamos que a visita fora do seu agrado e volten en máis ocasións.
Mostra fotográfica do arquivo dixitalizado, Mupega
(03/10/2018 | 09:34)
Este ano 2018 estase a celebrar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Este mes de outubro adícase ao Património Dixitalizado.
No Mupega queremos sumarnos dándolle relevancia a serie de fotografías escolares que forman parte da ampla colección de imaxes dixitalizadas que conserva o museo e que se amosan nas escaleiras das dúas plantas. Este conxunto de fotos constitúen unha pequena parte do rico patrimonio educativo galego, pero destacable como fonte de información visual da escola en Galicia.
Esta mostra é accesible ao público e pódese visitar dentro do horario de apertura do museo.
Modelo escolar dunha máquina de vapor.
(02/10/2018 | 10:18)
Nesta ocasión quixemos destacar un prototipo escolar dunha máquina de vapor, que se empregaba no ensino da Física para comprender o seu funcionamento. É de principios do século XX e de fabricación alemá.
Invitámosvos a contemplala na entrada do museo.
Entrevista ao personal do MUPEGA.
(26/09/2018 | 11:41)
Onte visitáronnos dous xornalistas do programa da Cadena Ser en Galicia "A Vivir Galicia". Este programa, que se emite todos os fins de semana de 12:00 a 13:00, ten unha sección mensual dedicada aos museos de Galicia
Nesta ocasión quixeron achegarse ao MUPEGA para coñecelo un pouco máis e facernos unha entrevista.
Foi un pracer poder atendelos e transmitir a todos os oíntes en que consiste o noso museo e que poden atopar aquí.
Museo Pedagóxico de Galicia.
(20/09/2018 | 09:48)
Dende esta semana ata o 15 de xuño de 2019 o horario de apertura do museo ao público será de 10:00 a 15:00 e de 16:00 a 19:00 de martes a venres, mentres que o sábados abrirase de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.
O museo permanecerá pechado os luns, domingos e festivos.
Alumnado de 4º ESO e 1º Bach do IES San Rosendo.
(20/09/2018 | 09:35)
Onte viñeron ao Mupega os alumnos e alumnas de 4º de ESO e 1º de Bacharelato do IES San Rosendo, de Mondoñedo.
A visita ao museo tiña como finalidade que os rapaces se documentaran sobre as escolas da primeira metade do século XX. O alumnado participa nun proxecto Erasmus+ e, neste momento están a traballar sobre os dereitos dos nenos, en concreto o dereito á educación.
Desexamos que a visita lles fora de utilidade e esperamos velos novamente.