Alumnado de 6º de EP do centro Vilas Alborada coa súa profe.
(21/06/2013 | 21:22)
Nesta fermosa imaxe vemos o grupo coa súa profesora de Galego, quen os animou a coñecer de preto a historia da educación en Galicia despois da traballar nas súas clases arredor do libro "A lingua das volvoretas" de Manuel Rivas. Os seus descubrimentos e o seu interés queda de manifesto nas súas facianas nesta imaxe pouco antes de comezar o percorrido pola sala de exposicións temporais para ver a obra dos emigrantes galegos de ultramar,
CPR Casa de la Virgen de Cangas do Morrazo
(21/06/2013 | 21:18)
Aquí vemos o grupo de alumnos e alumnas de 5º e 6º de EP do centro cangués posando alegres e divertidos despois de percorrer e ver en detalle a exposición temporal "Luces de Alén Mar..." , na que comprobaron o magnífico labor dos seus antepasados e veciños reflectida na fundación de numerosos centros educativos pola súa terra.
CEIP Monte Valiño de Ferreira de Pantón
(21/06/2013 | 21:13)
Un animado grupo de nenos e nenas de todos os cursos de Primaria do centro da Ribeira Sacra realizaron unha viaxe fin de curso ata Santiago e aproveitaron a súa estadía para visitar o noso museo. Percorreron as diferentes aulas históricas e traballaron como o facían seus avós na aula-obradoiro.
Alumnado de Ciclo Superior de E.I. do Colexio Santa Apolonia
(14/06/2013 | 11:35)
Un grupo de alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Educación Infantil do centro compostelán pasou polas salas do MUPEGA para coñecer de preto as vicisitudes que acompañaron á historia da escola na nosa Comunidade. Detiveronse en cada un dos rincóns do museo na procura de elementos que lle facilitaran a súa actual formación pedagóxica. Aquí vémolos posando como auténticos escolares na aula obradoiro instalada na planta baixa do museo.
IES Espiñeira (Boiro)
(07/06/2013 | 14:36)
Arredor de cincuenta estudantes boirenses do IES Espiñeira visitaron esta mañá o noso museo, compartindo co Instituto Galego de Estatística a actividade extraescolar. Así, a metade deles estivo no museo e a outra metade visitou as instalacións e coñeceu os programas e actividades do IGE. Aquí vémolos posando na entrada do museo pouco antes de retomar o camiño de volta.
CPI Tino Grancío
(05/06/2013 | 14:49)
Un amplo grupo de estudantes de Educación Primaria do centro integrado de Guntín (Lugo) pasou a mañá deste 5 de xuño nas instalacións do noso museo, descubrindo a memoria da escola dos seus avós e bisavós presente nas distintas salas do noso centro. Aquí vemos como posan na porta do edifico coa nova imaxe corporativa ao fondo. Agardamos ver axiña outra representación de escolares do activo e animoso CPI que leva o nome do pintor de Lousada; Tino Grandío. Ata sempre!
Alumnos e alumnas do CPI Monte Caxado na exposición temporal
O CPI Monte Caxado das Pontes de García Rodriguez de visita no MUPEGA
(31/05/2013 | 13:11)
Un animado grupo de rapaces de 5º e 6º de EP do centro integrado pontés pasou media mañá no museo visitando as diferentes salas pero deténdose especialmente na exposición temporal "Luces de Alén Mar" por ser coñecedores de primeira man do extraordinario labor dos emigrantes galegos no eido educativo, tan ben representado no seu concello e arredores. Por outra banda estes afortunados estudantes teñen un magnífico museo etnográfico no seu centro dende a década dos oitenta polo que entenden perfectamente o labor que desempeñan os depositarios do patrimonio cultural en xeral e educativo en particular.
CPR La Milagrosa (Lugo)
(31/05/2013 | 09:26)
Un numeroso grupo de estudantes do centro lucense da Praza de Ferrol, como vén sendo habitual nos últimos anos achegouse a Compostela para coñecer de preto os tesouros que agocha a nosa cidade. Visitaron a zona histórica, a Cidade da Cultura e o noso museo, onde tomaron un respiro coa práctica de varios xogos tradicionais no noso patio escolar.