Persoal do Instituto de Estatística no MUPEGA
(17/05/2013 | 18:15)
Un considerable número de funcionarios/as do Instituto de Estatística quixeron coñecer de preto nas diferentes estancias do noso museo. Para iso solicitaron unha visita guiada e quedaron encantados coas atencións recibidas, coas explicacións ofrecidas e coa rica arqueoloxía escolar que se acubilla no MUPEGA. Aquí posan no vestíbulo do centro con evidentes mostras de contento.
Alumnado e profesorado do CEIP Pena de Francia (Mos)
(17/05/2013 | 18:09)
Unha ampla representación do alumnado do centro pontevedrés cunha parte do seu profesorado visitou as nosas instalacións e descubriu a historia da escola en Galicia a través das diferentes representacións que dela están instaladas no noso museo.
Catálogo da exposición "Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia"
(15/05/2013 | 13:15)
Preto de 3000 persoas xa levan visitado á exposición temporal presente no MUPEGA centrada no labor dos emigrantes galegos no eido educativo. O catálogo da mostra acaba de presentar unha nova edición revisada e ampliada con máis textos e imaxes que ilustran este orixinal fenómeno. Pode descargarse no enlace do portal do Consello da Cultura Galega: http://consellodacultura.org/mediateca/documento.php?id=1841
Cartel anunciador da exposición itinerante do IES Xelmírez I
(10/05/2013 | 09:55)
O IES Xelmírez I acolle estes días a mostra itinerante do MUPEGA formada por diferentes láminas educativas do fondo histórico do propio museo e dos institutos históricos que se articulan na denominada Rede MUPEGA.Quedou instalada nas dependencias onde se acubilla a súa colección visitable de material científico e poderá ser visitada en horario lectivo previa concertación co propio centro.
Alumnado do IES C.Casares de Viana do Bolo
(08/05/2013 | 19:34)
Un simpático grupo de estudantes de 1º e 2º de ESO pasou a tarde de hoxe no noso museo visitando as distintas salas e despexando as dúbidas e segredos que para eles e elas escondía a escola dos seus maiores. Aquí aparecen posando co fondo da nova fachada rotulada do MUPEGA.
Aula antiga no CEIP Curros Enríquez da Coruña
(08/05/2013 | 17:10)
Con motivo da celebración dos primeiros cincuenta anos de funcionamento do orixinal centro educativo do barrio de Monte Alto da cidade herculina, o Museo Pedagóxico de Galicia aportou diverso material escolar de época que, como se aprecia no imaxe, serviu para ambientar perfectamente unha aula daqueles anos sesenta cando o singular edificio do Campo de Marte comezou a funcionar como establecemento educativo.
3ºESO do CPI A Cañiza
(08/05/2013 | 16:58)
Un grupo numeroso de alumnos e alumnas de 3º de ESO do centro pontevedrés visitaron o noso museo percorrendo con interese as distintas salas que reproducen os diferentes fitos da educación ao longo do tempo.
Traballo Social da USC no MUPEGA
(08/05/2013 | 16:56)
Un reducido grupo de alumnas de Traballo Social da USC visitaron as dependencias do noso museo para descubrir de preto as pegadas da educación en Galicia. Visitaron de vagar e demoradamente a exposición temporal " Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia".