Grupo de estudantes da Facultade de Educación de Ourense
(15/10/2012 | 10:29)
Unha reducida pero moi dinámica representación do alumnado do 3º curso do Grao de Educación Primaria visitou o pasado xoves día 11, as nosas instalacións para coñecer de primeira man a arqueoloxía escolar que tan ben representa a historia da educación en xeral, e en Galicia en particular. Aquí posan no vestíbulo do centro coa satisfacción de ter coñecido un dos máis completos museos desta tipoloxía.
Facultade de Formación do Profesorado de Lugo
(26/09/2012 | 14:34)
Un curso máis, e xa van varios, o alumnado de 1º curso de grao de Educación Infantil e de Educación Primaria da facultade lucense, realizou unha visita de estudos ás instalacións do noso museo, descubrindo in situ os tesouros arqueolóxicos que nel se acubillan, e analizando as particularidades que a educación en Galicia presenta a través dos distintos núcleos expositivos do museo, con especial atención á evolución que a escola primaria presenta perfectamente musealizada, no segundo andar. A visita deste ano bateu todos os récords de asistencia nunha soa visita, pois a rapazada lucense sumaba esta mañá 157 persoas co seu profesor Francisco Candia ao fronte. Dende o MUPEGA agradecemos a asistencia, a atención prestada, o comportamento e o interese mostrado por parte destes futuros ensinantes. Parabéns e moita sorte!.
Cartel anunciador da exposición do IES Otero Pedrayo (Ourense)
(24/09/2012 | 19:59)
O profesor gaditano Eduardo Moreno López (Cádiz, 1870/ Ourense, 1911) deixou unha pegada profunda na sociedade ourensá de comezos de século XX tanto pola súa calidade profesional coma polas súas profundas conviccións políticas e sociais. O IES OTERO PEDRAYO membro da REDE MUPEGA inaugurou unha espléndida exposición monográfia arredor da vida e obra deste ilustre profesor e excepcional cidadán. Comisariada polo profesor David Cortón,a mostra percorre a través de didácticas láminas e dunha coidada selección de textos, a apaixoante tarefa docente e a súa entusiasta obra social. A exposición cumprimentase coa edición facsimilar de tres pequenos opúsculos do autor, editados con coidado e gusto pola Organización.
Nenos e nenas caracterizados na vella escola de Muimenta
(24/09/2012 | 19:40)
Nunha tarde engalanada coa voz e a música dos poetas chairegos e cunha ampla representación veciñal, a Asociación Cultural e Veciñal "XOTRAMU" de Muimenta (Lugo), abriu as portas da súa pequena escola, que aló polo 1904, outro grupo de veciños conseguira levantar para dar acubillo e luces aos rapaces e rapazas daquela fermosa terra. Un percorrido poético, unha emocionada visita á escola restaurada, que conta con mobiliario cedido en depósito polo MUPEGA, unha interesante e documentada conferencia do profesor Narciso de Gabriel da UDC e un recital musical do grupo A QUENLLA conformaron un programa que quedará para sempre na memoria emocionada da veciñanza que por uns minutos volveu a lembrar aqueles tempos de pedra nos que este pequeno templo esparexeu luz e ledicia nas súas mentes e corazóns novos.
Programa Didáctico Mupega 2012
(18/09/2012 | 13:23)
Un ano máis convidamos a toda a comunidade educativa galega e á sociedade en xeral, a facer un paseo da nosa man pola vella escola de Galicia, a través da emocionada e reflexiva contemplación dos seus enseres, dos seus obxectos, do conxunto rico e variado do enxoval escolar, pero tamén da mirada, das imaxes que nos achegan á vida, ao pensamento e ao quefacer cotián dos seus verdadeiros protagonistas. O MUPEGA cumpre este outono 12 anos de vida, oito deles, abertos ao mundo, exposto ás miradas e ás críticas dos case 60.000 visitantes que nos acompañaron neste tempo. Doce anos é a vida dun neno que remata o ensino básico, a ensinanza primaria, aquela á que todos fomos chamados. Por iso, un museo centrado basicamente nese tipo de escola e nos seus actores, quere festexar como se merece esta efeméride. Para isto, configuramos un amplo programa de visitas didácticas orientadas a satisfacer a curiosidade dos nosos usuarios, así como a alimentar o seu anceio de coñecer como foi a escola dos seus maiores, como mudou ese entrañable tempo escolar. (...)
Espazo Mupega na Feira do Moble da Estrada
(13/09/2012 | 11:55)
A nosa aula itinerante, que coñecemos co nome de Espazo Mupega, está presente no pabellón central da Feira Exposición do Moble da Estrada, recibindo moitas visitas e despertando moita curiosidade. Dende aquí agradecemos á Organización do evento a súa consideración con este centro ao convidarnos a expoñer o noso patrimonio nun recinto privilexiado que está recibindo un elevado número de visitantes.
Facultad de Ciencias de la Educación. Universidad de Sevilla
(07/09/2012 | 13:49)
Na liña de colaboración que o MUPEGA mantén con distintas institucións educativas de dentro e fóra da nosa Comunidade, o pasado mes de xullo asinouse un convenio de colaboración co MUPEAN- Museo Pedagógico Andaluz- adscrito á Facultade de Ciencias da Educación da universidade hispalense, por medio do que o noso centro cede en depósito diferente mobiliario museístico pertencente ao seu rico fondo patrimonial. En próximas datas os colegas sevillanos inaugurarán a sede permenente do seu museo pedagóxico, e o MUPEGA estará alí representado como o está en moitos outros museos ou centros interpretativos da nosa terra. Desexamos dende aquí toda clase de éxitos aos rectores e traballadores do novo centro andaluz que xa viñan demostrando unha frenética e interesante actividade investigadora arredor do seu patrimonio histórico-educativo.
Manuscritos dedicados no noso libro de visitas.
(07/09/2012 | 13:27)
Coma vén sendo habitual nos últimos anos o Museo Pedagóxico de Galicia recibiu un considerable número de visitas, sobre todo a título individual. Coincidindo coa súa estadía en Compostela foron moitas as persoas que deixaron constancia no noso libro de visitas da agradable e interesante sensación que lles causou o percorrido polas nosas salas expositivas. Nos próximos días o MUPEGA enviará aos centros educativos a súa nova oferta didáctica para o curso que acabamos de encetar, confiando en que seguiremos contando coa fidelidade demostrada ano tras ano.