O IES Chapela visita o MUPEGA
(18/11/2011 | 16:14)
En torno a uns 60 estudantes do Ciclo Superior de Educación Infantil do instituto de Chapela visitaron cos seus profesores o noso museo, coñecendo de primeira man as distintas salas expositivas e os elementos que as compoñen. O alumnado manifestou o seu interese polas aulas históricas do noso centro que lles facilitaron unha visión de conxunto das distintas etapas da evolución do sistema educativo español e galego.
Alumnado da Facultade de Formación do Profesorado e Educación da Universidade de
(18/11/2011 | 15:13)
Uns 70 estudantes da 3º curso de Pedagoxía e de Educación Especial pasaron a tarde do 16 de novembro visitando as instalacións do noso museo guiados polo educador do mesmo Antonio Cepeda. Destacaron a excelente posta en escena do patrimonio educativo nomeadamente as aulas de indianos e de ferrado. Confiamos que o alumnado desta Facultade aproveitara a súa visita e nos acompañe en próximos cursos.
Alumnado  de  5º DE EP do CEIP VALLE INCLÁN de Oleiros (A Coruña) visitan o MUPE
(18/11/2011 | 15:05)
Arredor de 55 nenos e nenas de 5º Educación Primaria do Colexio Valle Inclán de Oleiros (A Coruña) cos seus mestres Elena e Luís pasaron unha mañá moi divertida no noso museo, participando nos xogos tradicionais na ludoteca e lembraron a escola dos seus avós de pizarriño e pluma no Obradoiro do Mupega. Nos próximos días outra parte do alumnado deste centro tamén visitará o museo.
A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC de visita no Mupega
(14/11/2011 | 12:07)
Como vén sendo habitual nos últimos anos, un grupo de socios da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC visitou o Museo Pedagóxico de Galicia. A visita durou dúas horas nas que os visitantes puideron achegarse de preto ao legado pedagóxico que se conserva no museo. Os participantes fixeron un percorrido polos diferentes recursos didácticos e metodoloxías que marcaron as distintas etapas da educación en Galicia ata a actualidade
Alumnado da Facultade  de Psicoloxía  da USC visita o Mupega
(14/11/2011 | 12:03)
Unha trintena de alumnas e alumnos de 4º curso da Licenciatura de Psicoloxía realizaron na histórica tarde do 11.11.11 unha visita didáctica ao noso museo dentro do programa de prácticas que coordina o seu profesor Martiño Rodríguez. Estiveron acompañados polo educador do museo Emilio Castro e coñeceron de primeira man o rico patrimonio educativo que acubilla nas súas salas o Mupega.
O alumnado de 5º nivel de EP do CPI Manuel Padín Truiteiro de Arcade (Pontevedra
(08/11/2011 | 15:32)
Un medio cento de alumnas e alumnos de 5º nivel de EP do Colexio Público Integrado de Arcade pasou a mañá do martes día 8 de novembro visitando as dependencias do noso museo. Os nenos e nenas coñeceron polo miúdo como era a vida escolar dos seus antepasados a través das aulas históricas do Mupega e do seu abano de xoguetes tradicionais.
O CIFP Ánxel Casal da Coruña volve ao Mupega
(26/10/2011 | 12:44)
O Centro Integrado de Formación Profesional Ánxel Casal visita un curso máis o Mupega. Unha trintena de alumnas e alumnos do Ciclo Superior de Educación Infantil do centro integrado de FP Ánxel Casal visitou no día de onte as nosas instalacións, descubrindo con admiración e agrado a vella arqueoloxía escolar que se acubilla nas distintas salas do noso museo, e deste xeito contrastando o seus coñecementos coa historia da educación en Galicia e nomeadamente as orixes da implantación da etapa infantil como propia dentro do sistema educativo
O Museo Pedagóxico de Galicia presenta unha nova oferta didáctica
(24/10/2011 | 09:14)
O Museo Pedagóxico de Galicia presenta unha nova oferta didáctica pensada especialmente no sector educativo de todos os niveis.