O IES Eusebio da Guarda incorpórase á Rede Mupega
A Consellería de Educación asinou o protocolo de colaboración coa Rede Mupega de institutos históricos de Galicia co instituto coruñés da Praza de Pontevedra. O IES Eusebio da Guarda súmase así ao colectivo de centros de ensino secundario que, creados na segunda metada do século XIX, acubillan nos seus edificios espléndidas coleccións científicas, valiosos fondos documentais e riquísimos fondos bibliográficos.

 


No caso do centro coruñés, ademais posúe un extraordinario patrimonio arquitectónico por mor da xenerosa doazón que, en 1881 fixo ao concello capitalino o prócer Eusebio da Guarda e que se traduciu nun excepcional edificio onde están presentes despois de 120 anos de vida,  singulares pezas arquitectónicas realizadas cos mellores materiais da época.


  Aquel esplendor xunto coa súa pronta catalogación como instituto provincial propiciou a incorporación ás súas aulas dun alumnado que logo destacaría pola súa brillantez nos campos das artes, da política e da cultura en xeral. Referentes ilustres como Pablo Ruíz Picasso, Gonzalo Torrente Ballester, Manuel Fraga, Salvador de Madariaga,  Santiago Casares Quiroga, etc.


   Os institutos Lucus Augusti de Lugo, Otero Pedraio de Ourense, Sánchez Cantón de Pontevedra, Salvador de Madariaga da Coruña e Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela, membros fundadores de esta Rede vense agora reforzados coa incorporación deste centro coruñés que un lonxano primeiro de outubro de 1890 abría as súas portas á sociedade coruñesa e a Galicia enteira.


 


Ver Resolución