O CIFP Ánxel Casal da Coruña volve ao Mupega
O Centro Integrado de Formación Profesional Ánxel Casal visita un curso máis o Mupega. Unha trintena de alumnas e alumnos do Ciclo Superior de Educación Infantil do centro integrado de FP Ánxel Casal visitou no día de onte as nosas instalacións, descubrindo con admiración e agrado a vella arqueoloxía escolar que se acubilla nas distintas salas do noso museo, e deste xeito contrastando o seus coñecementos coa historia da educación en Galicia e nomeadamente as orixes da implantación da etapa infantil como propia dentro do sistema educativo

.


Aproximadamente en dúas horas percorreron os tres andares do edificio Mupega seguindo as explicacións que os educadores do museo lles foron aportando nos distintos núcleos museográficos.


Felicitamos e agradecemos a este centro pola súa fidelidade co noso centro, pois acode a el co seu alumnado ao comezo de cada curso escolar como unha actividade máis do seu programa formativo. Na medida das nosas posibilidades seguiremos ofrecendo a mellor información posible e o trato máis axeitado aos futuros titulados en Educación Infantil, e con ese ánimo agardámolos o vindeiro curso.