O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad
Xesús Vázquez Abad fixo fincapé na importancia deste certamen como achegamento dos máis novos á figura do Rei e as súas funcións constitucionais
A premiada, Carmen García González, será recibida en audiencia por Don Juan Carlos I, xunto cos escolares premiados noutras comunidades autónomas




O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) a entrega do premio 'Qué es un Rey para ti?', que alcanzou este ano a súa vixésimo novena edición dedicada a amosar a percepción que os escolares de entre 8 e 13 anos teñen sobre Don Juan Carlos I.


Este ano a galardoada foi Carmen García González, alumna de 1º da ESO no IES Carlos Casares de Vigo, quen presentará en persoa o seu traballo ao Rei, nunha audiencia compartida cos rapaces gañadores no resto das comunidades autónomas.


Durante o acto, Vázquez Abad amosouse satisfeito pola alta participación galega neste certame, ao que a Comunidade presentou nesta edición 2.186 traballos de alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO. O conselleiro de Educación dirixiuse a todos os participantes para “transmitirlles os meus parabéns pola orixinalidade e a creatividade demostrada nos traballos que optan ao galardón”. Ademais, felicitou aos “vosos educadores que, respectando as ideas orixinais, foron quen de orientalas”.


Vázquez Abad fixo fincapé na importancia deste certame como “primeira toma de contacto coa historia da Coroa e co seu papel nun Estado democrático de Dereito, desde a asunción  dos seus deberes e obrigas establecidos pola Constitución”. Así mesmo, o conselleiro valorou a oportunidade que constitúe o concurso  para os escolares, “xa que lles permite achegarse á personalidade humana de Don Juan Carlos I, e coñecer as características e a importancia das súas funcións”. Neste sentido, Xesús Vázquez animou aos escolares a “formarvos academicamente e persoalmente como cidadáns libres e participativos, quen de tomar decisión e de vos implicar activamente no funcionamento da nosa sociedade”.


No acto estiveron presentes tamén o presidente da Fundación Institucional Española (FIES), Rafael Guardáns Cambó, e o director xeral da Fundación Orange, Manuel Gimeno; organizadora e patrocinadora respectivamente do concurso. Así mesmo asistiu o secretario xeral da Consellería de Educación, Jesús Oitavén; e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.


Exposición de traballos finalistas


Ademais da entrega do premio, no MUPEGA expuxéronse hoxe as 4 obras finalistas galegas, procedentes de 16 colexios. Por cuarto ano consecutivo, as nenas e nenos puideron presentar tamén traballos en calquera formato multimedia, como vídeos, deseños de páxinas web ou creacións de arte dixital


Os 13 mellores traballos a nivel estatal da modalidade multimedia – cuxo gañador foi escollido a tra vés dunha votación online o pasado 17 de maio, Día da Internet- serán amosado nunha exposición virtual itinerante, impulsada pola Fundación Orange.