Un animado grupo de maiores da  Residencia Geriatros de Noia visitou o MUPEGA.
Acompañados dos seus coidadores na tarde de onte, día 3 de xaneiro do novo ano, un simpático e dinámico grupo de maiores da residencia noiesa aproveitaron a súa visita ao noso museo para lembrar a súa infancia nas escolas de Argalo, Taramancos, Ribeira, Boa e outras localidades.


Aquel tempo entrañable atopou na nosa exposición permanente unha perfecta referencia visual e serviu para intercambiar con eles anécdotas, recordos e curiosidades da súa escola, dos seus mestres e mestras.


Agardamos volver a velos de novo polo noso museo e seguir enriquecéndonos  co tesouro da súa sorprendente e singular experiencia vital.


Animamos a outros grupos de maiores a visitar as salas do noso museo, un lugar onde a memoria da infancia cobra vida a través dos numerosos obxectos expostos do noso imaxinario infantil.