O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad
A exposición poderá visitarse no Museo Pedagóxico de Galicia ata o 28 de febreiro de 2011.




O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) a exposición ‘De Saladino a Sherezade. Oriente no cómic’, un percorrido a través de distintas novelas gráficas publicadas en español, sobre como se presentou Oriente e os seus protagonistas ao longo de décadas.


Neste acto o conselleiro incidiu no cambio de valores que se observa na mostra, desde anteriores concepcións da cultura árabe ata a interculturalidade, tolerancia e convivencia que caracteriza á sociedade dos nosos días. Así, tal e como explicou o conselleiro, o obxectivo da exposición é contribuír a eliminar os estereotipos e as imaxes pexorativas que se tiñan no pasado do mundo oriental, ofrecendo unha visión máis ampla e integradora dun Oriente máis próximo, co que xa convivimos a diario.


Na inauguración acompañaron a Vázquez Abad o secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén Barcala; e o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz e secretario coordinador do Foro 2010, Manuel Dios Diz.


Un mundo de estereotipos


‘De Saladino a Sherezade. Oriente no cómic’, é un percorrido polas representación do mundo árabe en cómics tan familiares na infancia como O Capitán América, Tarzán, ou  O Guerreiro do Anteface, a través de personaxes como o tirano, o sabio ou o guerreiro árabe, cuxa orixe acabou por formar unha imaxe estereotipada de paisaxes exóticas.


A exposición está organizada arredor de paneis explicativos con textos e imaxes extraídos de diferentes cómics, en torno aos eixos temáticos ‘Oriente son os outros, ‘Arquetipos do ‘nós’ occidental’, ‘Entre o sabio, o guerreiro e o tirano: a imaxe do árabe na prensa gráfica’; ‘Entre a odalisca e Sherezade: personaxes femininos de Oriente’; ‘O orientalismo e a época colonial’; ‘O espellismo dun enfrontamento inventado’; ‘A riqueza do encontro entre dous mundos’; ‘A cidade labirinto e o deserto de espellismo’; ‘As Cruzadas: o escenario do heroe tradicional’ e ‘O cómic contemporáneo: unha nova perspectiva’.


A mostra, que poderá visitarse no MUPEGA do 2 de decembro de 2010 ao 28 de febreiro de 2011, está comisariada por Carles Figuerola, profesor do departamento de Xornalismo da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona, e conta co asesoramento científico de Jose María Perceval, historiador e xornalista, especializado en estudos de xenofobia e racismo.