O Conselleiro de Educación durante a presentación
Xesús Vázquez Abad recordou o labor único en España que leva a cabo a rede Mupega grazas ao traballo de mantemento que desenvolve
O encontro reunirá desde o luns 5 de xullo ata o xoves 8 a preto de 80 profesores e técnicos de 22 centros de todo o Estado




O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe pola mañá no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) as ‘IV Xornadas de Institutos históricos españois. Cultura, educación e patrimonio’, que por primeira vez se celebran en Galicia.


Durante a súa intervención o conselleiro destacou que os encontros reunirán a preto de 80 profesores e técnicos relacionados cos institutos históricos de España, e se celebrará desde o luns 5 de xullo ata o xoves 8. Con esta nova edición das xornadas Galicia ten a posibilidade de dar a coñecer os seus centros e patrimonio educativo, grazas ao traballo desenvolvido desde a Consellería de Educación e o MUPEGA, así como o do Xacobeo 2010. Deste modo continúase cos traballos a prol do mantemento destes institutos históricos. Nas anteriores xornadas celebráronse Granada, Tenerife e Guadalaxara.


Un proxecto único


Na presentación Vázquez Abad destacou o importante papel do museo pedagóxico recordou que a comunidade galega conta desde o ano 2000 cun proxecto único en España xa que “o MUPEGA está dedicado en exclusiva ao eido educativo. Leva a cabo un importante labor para mostrar aos escolares de hoxe en día a súa historia”, ao que engadiu que “xa en 2002 este espazo reuniu aos institutos históricos de Galicia, para sentar as bases da denominada rede Mupega”. Ao longo dos vindeiros días os participantes das xornada poderán admirar os fondos museísticos dos que dispón a nosa Comunidade e comprobar que o interese por manter viva a historia e parte dun compromiso coa sociedade”, explicou o conselleiro. Esta rede, auspiciada pola Consellería, é o soporte que mantén os fondos educativos galegos. No relativo aos institutos galegos participantes, esta rede permite a pervivencia e recuperación do seu patrimonio, que se ve reflectido na organización de exposicións de carácter  permanente e temporal de importante calado.


Así, a vindeira semana poderanse visitar os institutos históricos de Galicia, que son o Xelmírez I, en Santiago de Compostela; o Salvador Madariaga, na Coruña; o Lucus Augusti, de Lugo; o Sánchez Cantón, de Pontevedra; e o Otero Pedraio, de Ourense. A apertura de todos estes centros data do século XIX e foron dotados de fondos acorde coa lei Pidal. Entre os fondos destes centros educativos destacan traballos de taxidermia, trebellos de medición, balanzas de precisión e outros aparellos.


No relativo ás xornadas o epicentro será Santiago de Compostela, e os asistentes visitarán ata o xoves os distintos centros históricos galegos. En cada un deles realizarase un percorrido polos fondos museísticos do instituto e asistirán a un relatorio sobre o valor de cada recinto.


Os representantes galegos


Durante a presentación o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén, e Dª Rosaura  Hernández Nistal e José Antonio de Lorenzo Pardo, directora e vicedirector do IES Salvador de Madariaga; Manuel Celso Matalobos Cerceda e Antonio Prado Gómez, vicedirector e secretario do IES Lucus Augusti; e Rafael Táboas Pastor, director do IES Sánchez Cantón.


Durante a súa intervención o secretario xeral de Educación destacou que “o MUPEGA xoga un sobranceiro papel na educación, desde que abriu as súas dependencias expositivas en San Lázaro no ano 2000”, e recordou que “desde entón nas súas instalacións pódese visitar unha importante e fermosa colección de pezas, material bibliográfico e científico que prestan os institutos que conforman a súa rede”.


O programa


Oitavén anunciou que “as IV Xornadas de Institutos Históricos Españois, serán inauguradas polo conselleiro de Educación, e contarán co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares como responsable inaugural, e con Dario Villanueva, secretario da Real Academia Española da Lingua, como encargado de pechar o acto de clausura”.


Na mesma xornada inaugural do 5 de xullo, José Antonio de Lorenzo Pardo, catedrático do Instituto Salvador de Madariaga, falará da “Recreación do descubrimento do electrón coa utilización do instrumental do século XIX”. O catedrático Ricardo Gurriarán, exporá na segunda das xornadas, o tema “Valor patrimonial do Instituto Arcebispo Xelmírez”. As dúas últimas xornadas contarán coa participación do catedrático do Lucus Augusti, Antonio Prado Gómez e a do director do Instituto As Lagoas, que desenvolverán as ponencias ”Perspectiva histórica do Instituto Provincial de Lugo (1842-1942)” e “O instituto de Ourense e a Xeración Nós”, respectivamente.