Exposición itinerante sobre o químico Ribas Marqués
Exposición itinerante sobre o químico Ribas Marqués
Inauguramos un novo curso escolar no MUPEGA cunha exposición itinerante.
Na primeira planta do edificio existe un espazo museográfico definido expresamente para acoller mostras periodicamente, que poden ser de fondos propios ou doutras institucións, pero que serven para poñer en valor diversos aspectos relacionados co mundo educativo en xeral.
Neste caso trátase dunha exposición didáctica sobre a biografía, labor docente e investigadora do químico Ignacio Ribas Marqués, organizada polo Colexio de Químicos de Galicia e que se suma á homenaxe que a Real Academia Galega de Ciencias realizoulle no Día da Ciencia en Galicia en 2016. Fai fincapé nas súas liñas de traballo co corcho e os alcaloides, onde demostra o seu amor a Galicia reflectido dando nome da xeografía galega aos alcaloides que descubriu como orensina, santiaguina, ou pontevedrina, extraídos de plantas tan nosas como a "xesta”; así como a súa contribución e colaboración co instituto Servet na obtención dun remedio para as hemorraxias no parto.
O MUPEGA aporta como complemento, unha serie de pezas de laboratorios escolares.
Poderase visitar no horario habitual de apertura do museo, ata o día 14 de outubro.