COÑECE O MUPEGA!  Visitas Escolares
Este curso o MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia) convídavos as súas exposicións didácticas, a través das visitas escolares. Organizamos grupos desde Infantil a Secundaria, adaptándonos ás características e necesidades de cada grupo, pero sempre perseguindo un obxectivo común: amosar o rico patrimonio escolar ás novas xeracións para facelas partícipes do mesmo.

O MUPEGA oferta aos centros educativos unha visita guiada adaptada ás idades do alumnado, actividades e talleres didácticos no museo. Tratamos os temas dun modo lúdico e divertido, utilizando unha metodoloxía activa e participativa, pensando en que os contidos estean relacionados coas programacións do curso, de maneira que o/a docente poida integrar as actividades sen dificultade na súa aula.  

Deseñáronse as visitas de acordo ás necesidades do alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria para que resulte moi proveitosa e enriquecedora no seu desenvolvemento intelectual, social e emocional. 

As actividades da programación son organizadas polo MUPEGA e inclúen orientacións por parte dos asesores do museo. Para a realización da actividade completa o mestre/a disporá de materiais para preparar as distintas sesións. Este material consiste nunha serie de tarefas para preparar a visita antes, e actividades para facer despois na aula, pensadas para recordar os contidos aprendidos no museo. Temos propostas didácticas para Infantil, Primaria e Secundaria. Todas as actividades están a disposición dos docentes nos enlaces desta publicación. Para consultalos pincha nos seguintes enlaces: 

Información das visitas

Infantil

1º e 2º E.Primaria

3º e 4º E.Primaria

5º e 6º E.Primaria

Educación Secundaria

Confiamos que este deseño de actividades responda  ás vosas demandas educativas. Se fose así, só tendes que solicitar a correspondente visita, empregando o FORMULARIO DE VISITAS  da nosa páxina web

EXPOSICIÓN TEMPORAL:  O mundo nas mans. Cartografía escolar dos séculos XIX e XX.

Toda a información sobre a Exposición e a proposta didáctica a encontraredes pinchando na seguinte ligazón: O mundo nas mans


No nome propio e do equipo de educadores que formamos o MUPEGA, recibide un cordial saúdo,
Beatriz Seco
Directora
Museo Pedagóxico de Galicia-MUPEGA
Secretaría Xeral Técnica
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Xunta de Galicia