Lámina "A regularidade periódica dos elementos segundo Mendeléyev"

O ano 2019 é proclamado Ano Internacional da Táboa Periódica pola Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas por cumprirse o 150 aniversario da súa creación. O Mupega súmase á celebración mostrando na planta baixa do museo unha lámina da táboa periódica dos elementos químicos segundo Mendeléiev, acompañada do libro "Química general aplicada".

A lámina, recentemente restaurada, forma parte do patrimonio histórico educativo que custodia o IES Lucus Augusti de Lugo.

En 1869, o químico ruso Dmitri Mendeléiev ordenou os elementos químicos coñecidos baseándose no peso atómico e na repetición periódica das súas propiedades, o que supuxo unha das achegas máis importantes na química do século XIX.

 

"Brétemas Mariñás" de Celestino Luís Crespo y Crespo.

A publicación, en 1946, de "Brétemas Mariñás" resulta especialmente relevante tendo en conta o contexto político-social da época. Trátase do primeiro libro de poesía en galego despois da Guerra Civil. A publicación tivo boa acollida por parte dos emigrados a Bos Aires, tendo unha recensión na revista de Betanzos no ano 1947, acompañada do poema "Os rumorosos".

É a única obra que edita Crespo pese a ter moitos máis poemas e manifestar a intención de escribir dous libros a maiores.

O libro estrutúrase en cinco apartados: "Os rumorosos", "Recordo", "Rimas", "A ti" e "Pasou un recordo". En todos eles aprécianse influencias de Pondal e Rosalía e aborda temáticas diversas que van dende o clásico "Tempus Fugit" pasando pola intimista, amorosa, o orgullo da raza, a emigración ou a morte.

Celestino Luís Crespo y Crespo naceu o 1 de novembro de 1913 na rúa Linares Rivas en Betanzos, onde viviría até o seu traslado a Santiago de Compostela. Estudou Maxisterio na Coruña, onde exercerá os primeiros anos da súa carreira profesional. Cando se traslada a Santiago de Compostela comeza a traballar na “Escuela Graduada Aneja á Escola normal de Maxisterio López Ferreiro” (1 de setembro 1955). En Santiago únese á asociación cultural Cantigas e Agarimos e comeza a traballar no Correo Gallego, máis concretamente no xornal “La Noche”, realizando diversos números extraordinarios.

Entablou relación con diferentes grupos de intelectuais, sendo frecuente velo nas tertulias do Café Español e La Noche e chega a formar parte dun grupo que Otero Pedrayo chamou "Os Catorce de Osebe".

Prototipo escolar dunha máquina de vapor.

Esta peza de principios do século XX e de fabricación alemá, empregábase no ensino da Física para comprender o funcionamento dunha máquina de vapor.

Dende o Plan Pidal (1845), os institutos de secundaria empezaron a adquirir máquinas e instrumentos didácticos para os gabinetes de Física, Química e Historia Natural. Recomendábase acompañar as explicacións con prácticas, experimentos ou observacións. A compra deste tipo de material intensificouse coa Ley Moyano (1857).

Este fermoso motor de vapor pódese contemplar agora na entrada do museo.

Modelo escolar dunha máquina de vapor.

CALCULADORA BRUNSVIGA.

 

Na entrada do museo, quixemos destacar nesta ocasión, unha calculadora mecánica de fabricación alemá.

A empresa Grimme, Natalis & Co adquire a patente dos aritmómetros de W. T. Odhner en 1892 e comeza a fabricación das calculadoras, que se comercializan con nome Brunsviga, nome que procede da localidade Braunschweig onde se atopaba a fábrica.

Ao longo dos aproximadamente 70 anos en que se mantén a produción das calculadoras Brunsviga, fóronse introducindo variacións ou melloras. A calculadora exposta é un Modelo B fabricado entre os anos 1812 e 1927. Ten capacidade para introducir datos de ata nove díxitos e os resultados poden ter ata trece díxitos.

A necesidade de ter que realizar laboriosos cálculos sen erros, motivou a creación de aparellos que facilitasen esas tarefas. A primeira calculadora mecánica inventouse no século XVII, a finais do XIX fixéronse importantes avances neste tipo de calculadoras e na primeira metade do século XX dominaban o mercado da computación de escritorio. As calculadoras mecánicas quedaron desprazadas polas electrónicas a principios dos anos 1970.

Calculadora Brunsviga.

Maruja Mallo

Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller (8 de marzo do 2017) e o Día das Artes Galegas (1 de abril 2017), o Mupega desenvolve unha actividade conmemorativa consistente nun roteiro deseñado para as persoas que visiten o Mupega, no que se destacan espazos expositivos relacionados con mulleres galegas que xogaron un papel activo na educación, con especial atención á figura de Maruxa Mallo.


Durante os meses de marzo e abril o espazo expositivo de carácter temporal “Peza destacada”, no vestíbulo do Mupega, está dedicado a Maruxa Mallo, destacando a súa labor como mestra, o seu compromiso coas Misións Pedagóxicas, e o seu traballo na educación non formal.

 

Podes ver unha pequena presentación, premendo no seguinte enlace.

Artigo de Maruja Mallo na vitrina da "Peza destacada"

Tes más conto que Calleja!

SATURNINO CALLEJA foi editor, pedagogo e escritor español, fundador da Editorial Calleja e autor de libros de Educación Primaria e de lectura infantís.

O seu pai, Fernando Calleja Santos, fundou en 1876 unha librería con encadernación.

En 1879, Saturnino compra o negocio de seu pai e o converte na Editorial Calleja, que chegou a ser a máis popular de España, Hispanoamérica e Filipinas.

Realizou importantes novidades no mundo da editorial:

  • -Fundou e dirixiu a revista “La Ilustracion” en España.
  • -Creou a Asociación Nacional do Maxisterio Español e a Asamblea Nacional de Maestros, converténdose nun dos maiores defensores da figura do mestre.
  • -Publicou grandes tiradas de libros e contos.

 

Tes máis conto que Calleja!!! Esta coñecida expresión, ten a súa orixe na enorme tirada de contos publicada polo mesmo, de tamaño reducido e prezo asequible para todos os petos.

Tes más conto que Calleja!

PEZA DO MES OUTUBRO: MEDALLA DE ALFONSO X EL SABIO

Con ocasión das celebracións propios deste mes relacionadas co mundo do ensino- Día Mundial do Docente, Día do Ensino-, o MUPEGA quere sumarse colocando como peza do mes unha das condecoracións máis relacionadas co maxisterio: A medalla de Alfonso X O Sabio, que premia ó labor meritorio dos docentes.

A medalla exposta pertence á familia de D. Francisco Mayán Fernández, egrexio profesor de Historia do instituto de Mondoñedo que nos deixou no 2012 e que xa tiña doado a este museo parte do seu rico legado.

Nesta ocasión, a súa viúva tivo a ben doar xenerosamente todos os seus títulos e condecoracións para que se garden e expoñan nesta casa común do ensino galego.

A medalla de Alfonso X O Sabio foi implantada polo primeiro goberno de Franco, sendo ministro de Educación. D. Pedro Sáinz Rodríguez, aínda que a idea xa fora posta en marcha polo Rei Alfonso XII pero con outra denominación.


Medalla de Alfonso X El Sabio outorgada ó profesor D.Francisco Mayán Fernández