A Internet representa un mundo de posibilidades para o lecer e a aprendizaxe pero tamén supón unha serie de riscos, como son os contidos inapropiados ou a facilidade de contacto con persoas que non son sempre o que semellan ou din ser. Pais, nais e profesores son esenciais para axudarche a emprender ...> ver máis

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Xunta de Galicia, presenta o Plan Navega con Rumbo polo Ciberespazo, unha iniciativa encamiñada a que vós, @s escolares, naveguedes con tino pola Rede, é dicir, con seguridade, evitando o ciberacoso e outros riscos de Internet. A nosa intención é que te mentalices da necesidade de facer un uso responsable das novas tecnoloxías para poder espremerlles toda a substancia posible e adquirir boas experiencias e novos coñecementos.

A Internet é divertida e útil. Podes buscar información para realizar os teus traballos e tamén coñecer e comunicarte cunha chea de persoas ou divertirte xogando. É un mundo infindo que che ofrece moitas posibilidades. Sabemos que empregas o teu sentido común pero queremos botarche unha man. Atoparás algunhas recomendacións na Guía do Alumnado que farán máis segura a túa navegación polo ciberespazo. Hai un principio común a todas elas: non fagas en Internet nada do que non farías na túa vida real.

A World Wide Web converteuse no maior medio de comunicación da historia da Humanidade, superando mesmo á radio e á televisión. A comunicación humana evolucionou nas últimas décadas como nunca o fixera. Tamén nos nosos fogares e nos centros educativos a Internet se converteu nunha ferramenta imprescindible coa que comunicármonos, educar e traballar.

A Internet representa un mundo de posibilidades para o lecer e a aprendizaxe pero tamén supón unha serie de riscos, como son os contidos inapropiados ou a facilidade de contacto con persoas que non son sempre o que semellan ou din ser. Pais, nais e profesores son esenciais para axudarche a emprender unha navegación responsable e útil, por iso tamén temos suxestións e consellos dirixidos aos maiores cos que te relacionas.

O Plan Navega con Rumbo polo Ciberespazo inclúe unha serie de guías dirixidas ao alumnado, ao profesorado e ás nais e pais, ademais desta web específica e un programa de visitas aos centros escolares onde colexiad@s do CPEIG expoñen aquelas recomendacións e consellos necesarios para navegar con rumbo polo ciberespazo.

Máis nada. Goza coa Internet e toma nota das nosas recomendacións.