VOLTAR Ó PORTAL DA XUNTA separador   Galego   separador Web Accesible
 Xornal Educativo
Menú:Sair do xornal ] [ Seccións do xornal ] [ Buscador ] [ Saír da Web Accesible ]
»  Xornal-Novas

Manuel Murguía

(1833-1923)Nacido en Arteixo (Froxel-Arteixo)na simbólica data de maio de 1833, fillo da moza vasca Concepción Murguía Egaña e do boticario liberal compostelán Xoán Martínez de Castro, Manuel Antonio Martínez Murguía educouse en Santiago co seu irmán Nicolás, dous anos máis novo ca el.

Compañeiro de estudios de Eduardo Pondal e morto prematuramente en Cuba. Aos 13 anos, Murguía é testemuña do levantamento de Solís e aos 19, en 1851, témolo xa en Madrid e non para estudiar Farmacia senón para entregarse en corpo e alma ás artes e ás letras publicando nos mellores xornais e revistas da capital e nalgúns galegos -como La Oliva e El Miño- numerosas obras de ficción, o poema en galego "Nena d¿as soledades" así como ensaios de temática galega ou crónicas da sociedade. Xunto co libro escolar La primera luz, publica a exitosa noveliña Desde el cielo, aparecida en 1854 en La Iberia. En Madrid amplía ou comeza relacións intelectuais e humanas con figuras tan destacadas como como os irmán Chao e os Avedaño, o pintor Federico Ruíz, o editor Xoán Compañel, Xosé Rodríguez Seoane ou Ventura Ruíz Aguilera. O vigués Alexandre Chao (1835-1894) é unha das figuras máis próximas e íntimas de Murguía. Naqueles anos 50, cando tamén entra en contacto con Vicetto, casa, en 1858, con Rosalía de Castro con quen ten sete fillos: Alexandra Teresa (1859-1937), Aura (1868-1942), os xemelgos Gala (1871-1964) e Ovidio (1871-1900), Amara (1873-1921) e Adriano (1875-1876). Valentina naceu morta en 1877. Aínda que casaron Aura (1909) - a quen lle morreron moi novos dous fillos- e Gala (1922) non se coñecen descendentes da parella Martínez Murguía-Castro.

Presentes Murguía e Rosalía no álbum de la caridad (1862), o primeiro orienta a súa producción cara á investigación histórica, literaria e cultural do país testemuñada polo inconcluso Diccionario de escritores gallegos e, sobre todo, pola edición dos dous primeiros tomos da súa Historia de Galicia (1865-66). Optando polo rigor documentalista, a apelación a textos escritos e o uso dunha bibliografía solvente, ofrece xa, segundo as concepcións orgánico-historicistas, unha sólida teoría nacional: Galicia é unha nación natural e espontánea, herdeira da raza superior celta, falante dun idioma propio, habitante dun territorio definido, e posuidora duns costumes, unha mitoloxía, unhas institucións e un folclore senlleiros.

Secretario da Xunta Revolucionaria de Santiago en 1868 e designado Xefe do Corpo de Arquiveiros con destino en Simancas (Valladolid) onde permanece ata 1870. é nomeado Director do Arquivo Xeral do Reino de Galiza vivindo na Coruña entre os anos 1870 e 1875. Daquela perde o emprego e ata 1892 non o ten estábel. Murguía volta a Madrid onde dirixe La Ilustración Gallega y Asturiana (1879-1881) que promove Alexandre Chao. Na Ilustración xunto cunha cultura extensa e actualizada, Murguía deixa ver os seus o tema da propiedade ata a emigración, desde a industria ás artes e á educación, desde as comunicacións ata os comentarios sociais. Logo de editar El foro(1882) e viúvo desde 1885, elabora Los Precursores (1886) para ollar ao pasado, ser o seu cronista e o seu notario e para incidir na vida pública galega. Dos precursores, Faraldo representa a acción política iniciadora do nacionalismo e os mozos comprometida cos mellores amigos, un tipo progresista que está no Banquete de Conxo. Pondal é un dos grandes camaradas de Murguía, compartiron viaxes, libros, ideais. Pouco se pode afirmar de Rosalía, porque a vida dela e a vida de Murguía están confundidas, invadidas unha pola outra. Tamén evoca o escritor Félix Moreno Astray, a pintura de Serafín Avendaño, a arte de Antonio Cendón e as fazañas de Leonardo Sánchez Deus.

No intenso período rexionalista, Murguía preside o certame de o Galiciano, defende o carácter plurinacional de España en LOa Región Gallega, editando o Galicia (1888) onde insiste nos seus postulados ideolóxicos desde o celtismo ata os testemuños dun poder galego coas súas propias institucións (Xunta do Reino, Audiencia e Armada) pasando pola mitoloxía popular. Para alén de evidenciar a nosa historia, visita as cidades e vilas, a súa arquitectura, os mitos e as súas figuras ilustres. En 1889, Murguía sae ao paso de determinados aspectos do discurso de ingreso de Sánchez Moguel na Academia de Historia (Madrid, 1888) en El regionalismo gallego onde acusa ao novo académico de ser partidario do estado uno, indivisíbel e coercitivo, de confundir estado e nación e de non querer ou non saber entender o discurso rexionalista. Murguía non quere que a nosa patria sexa tratada como unha colonia e esixe autogoberno, misa e escola en galego, oficialidade do noso idioma propio, xente do país para dirixir a xustiza ou as institucións ao tempo que reitera o seu coñecido ideario nacionalista, rebate a teoría histórica de moguel e censura a acción centralista do estado español na Galicia, privada de bispos e oidores galegos.

En 1890, participa en Barcelona nos Xogos Florais pronunciando o seu célebre discurso "Orixes e desenvolvemento do rexionalismo na Galicia" onde historia o débil rexionalismo galego, propugna a fundación dun partido rexionalista, lamenta que non teñamos un grande centro urbano como Barcelona e rende homenaxe aos galegos da diáspora. Naquel ano, 1890, fúndase a Asociación Rexionalista Galega que reclama representantes galegos en Cortes así como actuacións que favorezan as artes, a industria e a agricultura do noso país. AA.R.G. crea o seu xornal La Patria Gallega, dirixido polo mesmo Murguía, quen publica o seu texto "Donde estábamos, estamos". As principais actividades da Asociación foron a súa participación no traslado dos restos mortais de Rosalía en 1891 a Compostela, a celebración dos Xogos Florais de Tui, a homenaxe a Murguía en 1892 e a adhesión á protesta polo posíbel traslado da Capitanía Xeral da Coruña a León. O 24 de xuño de 1891, celébranse en Tui os Xogos Florais que pasan á nosa historia pola reivindicación que se facía do galego e do seu uso en público. No seu discurso, un Murguía emocionado patentiza a súa inmensa ledicia por expresarse nunha fala case morta que renacía esperanzadamente, no contexto dunha festa nacional e nacionalista, na que ademais de lembrar mágoas e ofensas pasadas, era preciso proclamar os dereitos do noso pobo. Murguía é consciente do labor precursor e comprometido que desde os ilustrados e os primeiros cultivadores do galego no XIX foron creando unha dinámica que preludia e explica o Rexurdimento e todos os fenómenos que o caracterizan.

En 1894, Murguía volta á Coruña onde pasa as tres últimas décadas da súa vida traballando no Arquivo da Facenda e editando libros tan valiosos como En prosa (1895), Don Diego Valera en 1896. Presidente Honorario da Liga Gallega (1897), traballo con Curros e Fontenia Leal para constituír, xa xubilado, a Academia Galega en 1905 e da que resulta elixido Presidente. No Boletín da Academia edita moitos dos seus últimos traballos. Nestes anos participa en actos de homenaxe a Curros, Pondal, Rosalía, Fontenla Leal, Chané, sendo el o homenaxeado en 1913 ao cumprir 80 anos. Sobre Currros e Pondal publicaría en galego dous importantes textos: "A Curros" e "Eduardo Pondal e a súa obra", este editado postumamente. Unha nova homenaxe a Murguía celebrouse en 1920 no Balneario de Mondariz.

Manuel Martínez Murguía faleceu o 2 de febreiro de 1923. Desde aquela data ata hoxe sucedéronse as homenaxes en Portugal (1923), no noso país (1924, 1933), en Bos Aires (1933) ou en Madrid (1958). A palabra de Murguía reaparece en 1974 no volume Política y sociedad en Galicia, preparado por Xesús Alonso Montero, e en 1976 con Los Precursores e co libro de Risco Manuel Murguía. Por esta época diversos traballlos académicos de Xosé Castelos Paredes, Afonso Mato Domínguez, Xusto G. Beramendi ou Ramón Maiz estudian a época e o pensamento murguinianos.

En 1991 o Concello de Arteixo creaba o Certame de Narracións Breves "Manuel Murguía", complementado co Certame de Contos Infantís "Manuel Murguía" no que participan escolares. Neste momento o nome de Manuel Murguía dá nome en Arteixo a un dos Institutos de Ensino Secundario e a unha Asociación de Veciños. Na cronoloxía de Manuel Murguía hai un ano decisivo: o 1998 cando se cumpría o 75º aniversario do seu pasamento. Nese ano, o nome de Murguía fíxose presente na vida pública galega preparándose o camiño para que a academia Galega decida dedicarlle, neste ano 2000, o Día das Letras Galegas.

O ano 2000 permitiunos coñecer o epistolario de Murguía, asistir a un Congreso sobre a súa figura e en definitiva devolverlle en forma de homenaxe algo do moito que el nos ten dado. Ogallá que no próximo século, Murguía sexa máis coñecido e recoñecido por todos os galegos.

Henrique Rabuñal Corgo
(Doutor en Filoloxía Galega, profesor no Instituto de Arteixo e Coordenador do Certame de Narrativa "Manuel Murguía")
comezo da páxina ] [ volver atrás ]

Portal Educativo
Consellería [Gabinete da Conselleira] [Gabinete de Comunicación] [Secretaría Xeral] [Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa] [Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais] [Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia] [Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia]
XORNAL EDUCATIVO [Titulares] [Aula de natureza] [A vanguarda da ciencia] [Cine e TV] [Contos] [Cultura e sociedade] [De festa] [Música] [Tarefas] [Mulleres] [O club do reporteiro] [O recuncho das imaxes] [Pasatempos] [Estamos en forma] [Curruncho literario] [Os nosos persoeiros] [Galicia de sempre] [Hemeroteca]

[Persoal] [CFR] [Contidos Educativos] [Xornal Educativo] [UAC] [Mupega]

UTILIDADES [Consulta de centros] [Correo web] [Buscador] [DRD] [Contratación] [Xogos] [Formación] [Xade] [FP-Ciclos Formativos] [Menús saudables] [Xestión de persoal] [Platega] [Magislex] [Ensinanzas especiais e Adultos] [Inspección educativa]
comezo da páxina ] [ volver atrás ]

Febreiro 2010   mes anterior   mes seguinte

L1  M2  Me3  X4  V5  S6  D7  L8  M9  Me10  X11  V12  S13  D14  L15  M16  Me17  X18  V19  S20  D21  L22  M23  Me24  X25  V26  S27  D28  

comezo da páxina ] [ volver atrás ]