Como conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria quero darche a benvida ao portal electrónico desta institución. Na sociedade do coñecemento e da información, a educación é o desafío básico ao que se ten que enfrontar a sociedade galega e por iso esta consellería quere transmitir un compromiso claro coa calidade da docencia e da investigación e a formación do alumnado, para proxectarse con fortaleza nun futuro que requirirá dunhas bases sólidas e dinámicas.
A educación non só é un dereito fundamental do individuo, trátase tamén dunha gran responsabilidade que outorga os valores democráticos e culturais necesarios para a formación da personalidade. Por iso a preparación e formación das novas xeracións debe suscitar un consenso fundamental entre os axentes sociais e políticos.
Unha educación que sexa capaz de recuperar a convivencia nos centros, a dignidade da profesión docente e a responsabilidade dos alumnos e das familias. Tampouco debe esquecerse a importancia do esforzo, do traballo e da avaliación nun momento en que abunda a falsa crenza de que existen atallos para conseguir o éxito.
Falamos dunha educación que sexa claramente duns cidadáns emprendedores e capaces, seguros de si mesmos, ambiciosos e sen lagoas de formación para competir nun mundo aberto. Galicia non pode deixar pasar a oportunidade de estar á vangarda deste novo modelo que trata de adaptar o ensino superior ás transformacións sociais, culturais, económicas e tecnolóxicas propias do mundo postindustrial.
Este é o motivo polo que dende esta consellería se quere apostar decididamente por unha educación para a concordia e a cohesión social, lonxe da confrontación.
Agardamos que esta ferramenta sexa a carta de presentación e o lugar de encontro dos nosos proxectos e ambicións para conseguir que a educación e o coñecemento consigan poñerse ao servizo da sociedade.
Xesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria