A Consellería de Educación integra preto de 400 centros na rede de bibliotecas escolares de Galicia

Educación inviste preto de 1.200.000 de euros para o desenvolvemento do Plan Lía 2010/2015 de bibliotecas escolares

Mar, 10/08/2010 - 11:47

A Consellería de Educación  e Ordenación Universitaria integrará o vindeiro curso escolar a 374 centros na rede de bibliotecas escolares de Galicia, polo que se suman 79 novos centros aos que xa formaban parte do Plan Lía. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal recordou que “a Consellería de Educación continúa traballando pola mellora dos servizos educativos e nesa liña está o plan de mellora de bibliotecas escolares, un programa que axuda á renovación das bibliotecas para convertelas en auténticos centros de recursos LÍA para a lectura, a información e a aprendizaxe acordes coas necesidades do alumnado  do século XXI”.

A Consellería inviste neste programa un total de 1.182.000 euros, en réxime de cofinanciamento co Ministerio de Educación, destinados á renovación e actualización dos fondos das bibliotecas dos centros así como á mellora do equipamento inmobiliario, clubs de lectura e o avance no emprego nos recursos por parte de alumnos e profesores.

Recursos e melloras

O Plan LÍA está a resultar un gran avance no ámbito das bibliotecas escolares grazas aos seus esforzos por adaptar os recursos informativos dos centros educativos ás novas necesidades da sociedade da información e facilitar a promoción e integración das tecnoloxías emerxentes.

Para elo o programa incorpora diversas actuacións: no relativo ás instalacións e materiais o plan contempla a renovación do equipamento informático e audiovisual, gastos de funcionamento así como mobiliario específico, e se fose preciso, ampliación e acondicionamento dos espazos dos centros. Ademais as coleccións de documentos e fondos se renovaran atendendo ás necesidades de cada unha das áreas co obxectivo de cumprir co proxecto educativo.  Tamén se incorporan programas de formación de lectores autónomos, e prácticas de fomento da lectura como os apadriñamentos lectores onde rapaces e rapazas maiores leen aos máis pequenos. Todo isto, segundo sinalou o director xeral de Centros, “contribúe a converter as bibliotecas en espazos de integración das tecnoloxías da comunicación e da información tanto en soporte papel como dixital sendo empregadas polo alumnado e polo persoal docente para a realización dos seus traballos e para as súas prácticas de lectura e de escritura”.

O director de centros destacou “a importancia destes espazos e polo tanto o noso interese é dotalos do material preciso para dar o maior servizo a toda a comunidade educativa”. A Consellería de Educación amosa así o seu compromiso de traballar para paliar as dificultades das bibliotecas escolares e dotalas de recursos tanto técnicos como humanos e explotar ao máximo o seu potencial como así se pretende a través do Plan LÍA 2010/2015 e como ven facendo a través de outras actuacións como o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) ou campañas como ‘Hora de Ler’, ou ‘Clubs de lectura’.

Declaracións do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal (primeira parte)

Declaracións do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal (segunda parte)

Menús News node R