Cultura e Educación lembra que o prazo para presentarse aos premios extraordinarios de ESO ao rendemento e ao esforzo e á superación persoal remata mañá

A Consellería convocou 40 galardóns para recoñecer os bos resultados do alumnado, así como o seu esforzo e dedicación para superar as dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural

Xov, 19/09/2013 - 12:08

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria terá aberto ata mañá, día 20 de setembro, o prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos 20 premios extraordinarios ao rendemento de ESO e mais aos 20 galardóns extraordinarios ao esforzo e á superación persoal nesta mesma etapa de educación secundaria obrigatoria. En ambos os casos, trátase de recoñecementos  correspondentes ao curso 2012/2013, e as convocatorias poden atoparse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día 8 de agosto de 2013.

O departamento educativo da Xunta de Galicia anima ao alumnado que cumpra os requisitos a presentar a súa solicitude para obter estes recoñecementos, que premian os bos resultados do alumnado, así como o seu esforzo e dedicación para superar as dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural.

Premios ao esforzo

No tocante aos premios ao rendemento académico, os candidatos deberán contar cunha media nas cualificacións dos catro cursos da ESO igual ou superior a 9 puntos, ademais de superar unha proba específica para acadar o galardón. Cada premio está dotado cunha contía de 750€ e, ademais, o alumnado que obteña o premio recibirá un diploma acreditativo e a anotación desta distinción no seu expediente académico.

Nos vindeiros día publicarase a data das probas que serán realizadas entre as 9:15 e as 14:30 horas no IES Elviña da Coruña, IES Sanxillao de Lugo, IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense e no IES Sánchez Cantón de Pontevedra.

A proba, estruturada en dúas partes, valorará os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado, e constará de diversas cuestións coas que deberá amosar o grao de consecución das competencias social e cidadá, lingüística e matemática. Cada parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas. A primeira constará de diversas cuestións referidas ás seguintes materias de cuarto curso de ESO: lingua e literatura galega, lingua e literatura castelá e primeira lingua estranxeira. Na segunda parte o alumnado dará reposta a diversas cuestións de tres materias do currículo de cuarto curso: ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e unha a escoller de entre bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, física e química, latín, música e tecnoloxía.

Esforzo e superación persoal

Coa convocatoria de premios ao esforzo e á superación persoal búscase recoñecer e valorar publicamente os comportamentos excepcionais do alumnado dos niveis da educación básica, co fin de seguir avanzando na consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva, e de procurar un ensino comprensivo e integrado. Así, os gañadores son alumnas e alumnos que merecen un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar e sociocultural.

Mediante ambas as convocatorias a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende fomentar entre o alumnado a cultura do esforzo no estudo, reforzando aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo, e xuntado excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.