Xesús Vázquez Abad asiste, na catedral de San Martiño de Ourense, ao concerto de aninovo da Real Banda de Gaitas

O conselleiro fixo entrega da medalla da Real Banda de Gaitas aos Cantores dos Reis de Floderrei polo labor a prol de manter esta tradición

Xov, 02/01/2014 - 21:00
Real Banda de Gaitas
Real Banda de Gaitas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe pola tarde ao concerto de aninovo celebrado na Catedral de San Martiño, en Ourense. Un acto no que tamén estivo presente o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

Durante o concerto Vázquez Abad fixo entrega da medalla da Real Banda de Gaitas aos Cantores dos Reis de Florderrei do concello ourensán de Riós. Un recoñecemento ao labor desenvolvido por esta entidade a prol de manter os cantos de Reis propios destas datas.

O concerto estivo a cargo da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e estivo baixo a batuta do seu director e fundador, Xosé Luis Foxo. Divido en tres partes comezou co estreo e interpretación do Himno Litúrxico dedicado a San Martiño. Posteriormente contou coa presenza de Concha Rodríguez Álvarez e dos Cantores dos Reis de Oencia e de Florderrei así como dun grupo de zanfona da Escola Provincial de Gaitas entre outras formacións. Ademais nesta actuación a Real Banda de Gaitas presentou unha caramuxa medieval, un instrumento pastoril da gaita que sempre estivo presente nos cánticos de Nadal.