O CGAI da Consellería de Cultura e Educación programa o ciclo ‘Mentres tanto… en prazas e rúas’ sobre as novas formas de protesta social

Os profesores Josetxo Cerdán e Gonzalo de Pedro son os comisarios desta recompilación audiovisual, que se desenvolve en catro sesións a partir de mañá

Proxectaranse un total de 13 títulos asinados por Sylvain George, Jean-Gabriel Périot, o colectivo Los Hijos, Lluis Escartín, Isaki Lacuesta ou Carlos Serrano Azcona, entre outros

Lun, 27/01/2014 - 13:25
GREVE (Portugal, 2011)
GREVE (Portugal, 2011)

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrece a partir de mañá martes día 28 o ciclo temático ‘Mentres tanto… en prazas e rúas’, que propón un percorrido polas novas formas de protesta social e a súa representación audiovisual a través de 13 curtas e mediametraxes.

Os críticos e profesores Josetxo Cerdán e Gonzalo de Pedro son os comisarios deste programa especial, que recompila fitas asinadas por Sylvain George, Jean-Gabriel Périot, o colectivo Los Hijos, Lluis Escartín, Isaki Lacuesta ou Carlos Serrano Azcona, entre outros, co obxectivo de suxerir un diálogo crítico co espectador ao redor da transformación deste tipo de movementos sociais, acelerada coa irrupción da Internet e a Web 2.0.

Cambio narrativo

Este cambio reflíctese, asemade, nas formas e formatos en que o sector audiovisual se achega a esta temática. Así, lonxe do vello cinema de protesta, os novos creadores adoptan formas híbridas e experimentan coa linguaxe, afastándose das narrativas tradicionais sen perder, porén, a noción da historia.

‘Mentres tanto… en prazas e rúas’ desenvólvese ata o venres 31 de xaneiro a través de catro sesións, que darán comezo ás 20.30 horas na sala do CGAI na Coruña. Baixo o subtítulo ‘Historia (silencios)’ a primeira delas exhibirá mañá a peza ‘Enero 2012 (o la apoteosis de Isabel, La Católica)’, do colectivo Los Hijos; a fita grega ‘Austerity Measures’, de Guillaumne Cailleau e Ben Russell; a mexicana ‘Mitote’, de Eugenio Polgovsky, e a belga ‘Viva Paradis’, de Isabelle Tollenaere.

A sesión do mércores 29, ‘En pé de guerra’, está formada polas curtas francesas ‘Les barbares’, de Jean-Gabriel Périot, e ‘No border (Aspettavo che scendesse la sera)’, de Sylvain George; a estadounidense ‘#Rushes’, de Jason Livingston, e as españolas ‘Empresarios y secretas’, de Kikol Grau; ‘The Silence between the Shots’, de Lluis Escartín, e ‘La matanza del porc’, de Isaki Lacuesta.

A terceira xornada, que leva por título ‘Danos colaterais’, proxectará o xoves 30 o filme tunesino ‘Babylon’, de Ala Eddine Slim, Ismäel e Youssef Chebbi, mentres que na última das sesión –‘Desilusións’– exhibiranse a curta portuguesa ‘Greve’, de Carlos Ruiz, e a produción española ‘Banderas falsas’, de Carlos Serrano Azcona.

Os detalles do programa poden consultarse na web www.cgai.org