A Consellería de Cultura e Educación pon a disposición das comunidades educativas o primeiro protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia

O documento supón que por primeira vez se establece un procedemento común para a prevención e o tratamento das faltas de asistencia a clase do alumnado por parte dos centros educativos

É tamén pioneiro en definir conceptos como o de absentismo ou expediente de absentismo, así como o que está considerado como falta xustificada ou non xustificada de asistencia a clase, con exemplo claros

Ademais o protocolo establece prazos para minimizar o efecto negativo desta práctica na vida escolar

Ven, 31/01/2014 - 18:12
 A Consellería de Cultura e Educación pon a disposición das comunidades educativ
A Consellería de Cultura e Educación pon a disposición das comunidades educativas o primeiro protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria acaba de poñer a disposición das comunidades educativas – a través de correo electrónico e do portal educativo- o Protocolo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia, cuxa publicación supón que por primeira vez se establece un procedemento común para a prevención e o tratamento das faltas de asistencia a clase do alumnado por parte dos centros educativos.

Para facilitar a xestión das faltas de asistencia a clase do alumnado e, de ser o caso, do posible absentismo, o protocolo achega unha serie de anexos dos documentos ou procedementos aos que se fai referencia nas distintas fases. Entre eses documentos destacan: modelos de convocatorias de reunión coas familias, modelos de actas das reunións coas familias, modelo para o rexistro de contactos do centro educativo coas familias e modelo para a notificación do expediente de absentismo.

Cómpre sinalar, ademais, que este documento é tamén o primeiro no que se definen conceptos como o de absentismo ou expediente de absentismo, así como o que está considerado como falta xustificada ou non xustificada de asistencia a clase, con exemplo claros de que e con que documentos se pode acreditar a ausencia da aula.

Ademais o protocolo establece prazos para minimizar o efecto negativo do absentismo na vida escolar. Así, nel queda recollido que  o profesor deberá realizar diariamente o control de asistencia e comunicalas ás familias ou titores legais – tanto as xustificadas como as que non o están- dentro dos primeiros 5 días naturais do mes seguinte. No caso de que o número de faltas sen xustificar supere o 10% do horario lectivo dese mes determinado, o profesor titor iniciará o expediente de absentismo e comunicará a situación á xefatura de estudos, para despois convocar ás nais e pais do alumno en cuestión. O inicio do expediente producirase, como máximo, dentro dos 7 días naturais seguintes á data na que as faltas de asistencia superaron o devandito 10%.

O protocolo e demais documentos que o acompañan están accesibles no enlace: /portal/node/11632

Orientación e prevención

O protocolo, que é de aplicación nas ensinanzas de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria que se impartan nos centros educativos de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos, ten un carácter básico e de referencia, polo que cada centro educativo, dentro da súa competencia e autonomía, pode adaptalo á súa realidade.

Aínda que o absentismo non representa un problema significativo no sistema educativo galego, como ben indicou o conselleiro na súa intervención do día 17, si importa trazar un camiño común, que poña o acento nas medidas de prevención e que promova e fortaleza a comunicación constante e fluída entre os centros educativos e o alumnado e as súas familias ou persoas gardadoras.

O citado documento orienta sobre diferentes medidas de prevención que deben poñer en marcha os centros en relación coa promoción da asistencia a clase do alumnado e co seu éxito escolar así como sobre as actuacións que deben contemplar nos seus instrumentos de planificación e organización.

Coa posta a disposición do Protocolo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia a Consellería de Cultura e Educación segue a desenvolver o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, de atención á diversidade, e pon en valor a educación como unha ferramenta imprescindible na procura dunha sociedade máis xusta, máis cualificada e máis comprometida.