A Consellería de Cultura e Educación celebra que a rectificación dos datos de PISA 2012 sitúen a Galicia como a comunidade autónoma coa maior porcentaxe de alumnado que non falta a clase

Ademais, os novos datos indican que o alumnado galego é o cuarto en puntualidade de todo o Estado español

Así mesmo, Galicia reduciu no 2013 a súa taxa de abandono educativo temperán ao 20,4 %, a máis baixa dende que se rexistran datos, e 3,1 puntos por debaixo da media española

Xov, 06/03/2014 - 10:10
A Consellería de Cultura e Educación celebra que a rectificación dos datos de PI
A Consellería de Cultura e Educación celebra que a rectificación dos datos de PISA 2012 sitúen a Galicia como a comunidade autónoma coa maior porcentaxe de alumnado que non falta a clase

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra os bos resultados obtidos polo sistema educativo galego tras a rectificación por parte do Ministerio dos datos do informe PISA 2012 no referido á porcentaxe de alumnas e alumnos que faltan á clase e dos que chegan tarde ao centro educativo. Estes datos veñen a confirmar os bos resultados da nosa comunidade neste informe, así como a mellora significativa do sistema educativo galego en todos os indicadores educativos nos últimos 5 anos.

Non en balde, cómpre lembrar que PISA 2012 confirmou a Galicia como a Comunidade Autónoma cun sistema educativo máis equitativo, por diante ademais de todos os países da OCDE, agás México. Ademais, tanto os resultados de PISA como outros indicadores educativos nos que Galicia tamén está mellor que o resto de Estado - abandono educativo temperán, a taxa de idoneidade, e as taxas de graduación en ESO, Bacharelato e FP- demostran que hoxe a educación en Galicia goza de mellor saúde que hai 5 anos. De feito, Galicia reduciu no 2013 a súa taxa de abandono educativo temperán ao 20,4 %, a máis baixa dende que se rexistran datos, e 3,1 puntos por debaixo da media española. Cómpre lembrar tamén que Galicia acadou neste informe PISA 2012 resultados por riba da media española nas tres competencias avaliadas e por riba da media da OCDE en dúas delas.

Asistencia a clase e puntualidade

Segundo os resultados corrixidos de PISA 2012 Galicia é a comunidade autónoma con maior porcentaxe de alumnado que asiste á clase, fronte ao sétimo posto que ocupaba nos resultados difundidos nun primeiro momento. Así, o 11% dos estudantes faltaron 1 ou 2 veces, o 1% 3 ou 4 veces e só o 1% faltaron 5 veces ou máis.

Respecto da porcentaxe de alumnas e alumnos que chegaron tarde ao centro, Galicia é a cuarta comunidade con maior puntualidade, fronte ao penúltimo posto que ocupaba nas táboas do primeiro informe publicado. Así, o 68,9% dos estudantes non chegaron nunca tarde, mentres que un 22,7% chegou tarde 1 ou 2 veces, e un 4,9% chegaron tarde 3 ou 4 veces, e só un 3,5% fixérono en 5 ou máis ocasións.

As táboas de datos poden consultarse na web do Ministerio, no enlace https://www.mecd.gob.es/dctm/inee/internacional/pisa2012/pisa2012voli-24-02-2014.pdf?documentId=0901e72b8189abb8 (páxinas 141 e 138).

Competencias avaliadas en PISA 2012

Segundo os resultados xa dados a coñecer de PISA 2012 Galicia, con 499 puntos, pasa de ser a 10ª Comunidade Autónoma a ser a 6ª na competencia lectora, 11 puntos por riba da media nacional e 3 puntos por riba da media da OCDE. Cómpre sinalar ademais que a media nacional respecto do 2009 só se incrementou 7 puntos, case a metade ca galega.

O alumnado galego tamén mellorou os seus resultados na competencia científica, na que a nosa comunidade acada 512 puntos, 11 máis cá media da OCDE, 16 máis ca media nacional e 6 máis ca o resultado galego no informe PISA 2009, de forma que Galicia continúa a ser a Comunidade Autónoma situada en 5º lugar.

No que atinxe á competencia matemática Galicia mantense nos 489 puntos de PISA 2009, acadando 5 puntos máis que a media nacional. A media da OCDE descende nesta competencia 2 puntos ata os 494, polo que se acurta a diferenza en 2 puntos.