Xesús Vázquez Abad recorda que o informe PISA asegura que os estudantes galegos melloraron en 13 puntos as competencias lingüísticas

O conselleiro de Cultura e Educación clausurou hoxe a Asemblea Anual da Confederación Galega de Asociacións de Pais de Alumnos (CONGAPA) agradecendo o traballo desenvolvido desde a mesma e a todos os membros da comunidade educativa

Sáb, 22/03/2014 - 12:00
Xesús Vázquez Abad na clausura de CONGAPA
Xesús Vázquez Abad na clausura de CONGAPA

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe en Santiago a asemblea anual da Confederación Galega de Asociacións de Pais de Alumnos (CONGAPA), acompañado polo presidente a nivel nacional Concapa, Luis Carbonel Pintanel.

Vázquez Abad fixo un repaso polas políticas desenvolvidas no que vai de lexislatura, e dixo que “a calidade da educación queda de manifesto en datos nos que o noso alumnado está por riba da media nacional, como, por exemplo, a taxa de graduación (porcentaxe de estudantes que finalizan o ensino no tempo previsto no plan de estudos),  que na ESO (78%) está case catro puntos por riba da española (74,3%); en Bacharelato a diferenza a prol de Galicia supera os 5 puntos (Galicia 55,7%, España 50,3%); mentres que nos ciclos superiores de Formación Profesional a diferenza é de 8 puntos (Galicia 23,2% España 21,4%)”.

A prol do futuro

O conselleiro salientou que o labor desenvolvido polo seu departamento queda reflectido no último informe PISA segundo o cal: “Os estudantes galegos son os que menos faltan a clase de España, un 11% fronte ao 28% español, situándose en mellor posición que a media da UE e da OCDE, que está no 15%”, recordou.

Así mesmo, Vázquez Abad sinalou a mellora nas competencias lingüísticas: “Os estudantes galegos melloraron en 13 puntos, situándonos como unha das comunidades autónomas con mellores resultados nunha competencia que vai resultar definitiva para desenvolverse no mundo globalizado e multicultural no que están a vivir,- ao que engadiu que-  o que é froito do desenvolvemento do Plan de Potenciación de Linguas Estranxeiras unha firme aposta do noso goberno que posibilita que máis do 70% dos centros educativos sostidos con fondos públicos conten con seccións bilingües ou sexan plurilingües”.

Traballo pola calidade

No relativo ao traballo desenvolvido desde a administración o titular da Consellería recordou que “mantivémonos firmes na aposta pola mellora da calidade do noso sistema educativo. Un obxectivo irrenunciable que obrigou a toda a comunidade educativa aos maiores esforzos, pero que, sen dúbida algunha, mereceu a pena. Investimos, en definitiva, no futuro de Galicia”.

No encontro o conselleiro resaltou a importancia do esforzo conxunto levado a cabo por todos os implicados na educación e destacou o seu recoñecemento as familias e dixo que “a súa participación na formación académica dos máis novo resulta imprescindible” e engadiu que “todos, como parte da comunidade educativa, temos a responsabilidade de participar de xeito activo na súa formación”. Ademais, e en relación á Congapa, entidade organizadora deste encontro, dixo que “agradezo a vosa implicación e interese e quero animarvos a seguir traballando na mesma dirección”.