Xesús Vázquez Abad destaca no Parlamento a importancia da LOMCE para lograr unha educación adaptada ao século XXI

O conselleiro explicou que a nova lei orgánica recollerá as propostas presentadas pola Consellería de Cultura e Educación e se aplicará ao longo dos vindeiros tres cursos

A normativa ten como finalidade corrixir eivas das anteriores leis educativas tendo Galicia competencias propias que asumirá desde a perspectiva de adecuar os contidos dos currículos á realidade e singularidade propia da comunidade

A Xunta recorda que é fundamental a adquisición de coñecementos e competencias en Música e Plástica; así como o mantemento da carga horaria no conxunto de Ciencias Sociais e da Natureza, e un reforzo do horario lectivo de Primaria para as Matemáticas

O vindeiro curso iniciarase a Formación Profesional básica cuxo título facilitará a inserción laboral

Mar, 25/03/2014 - 20:55

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asegurou hoxe no Parlamento de Galicia que a nova Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) “ten como retos o combater as taxas de abandono escolar temperá e mellorar os niveis formativos en relación cos estándares internacionais”. “Galicia –expuxo o conselleiro–iniciou xa na pasada lexislatura a transformación do seu sistema educativo con principio agora aplicados na LOMCE como son a equidade e igualdade de dereitos e oportunidades; recoñecemento dos proxenitores e titores; e a mellora dos resultados educativos.”
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia tamén sinalou que a nova lexislación propón “aplicar unha norma que nace coa pretensión de corrixir eivas de anteriores leis educativas e modificar un sistema educativo que entendemos que non cumpriu coa súa finalidade". Así, apóstase por un sistema educativo flexible, público e de calidade; refórzase a coordinación entre Estado, Comunidade Autónoma e centros; valórase a cultura do esforzo; promóvese e fortalécese a autoridade do profesor así como a profesionalización do director de centro; anticípase a elección de itinerarios formativos; establécese programas de mellora, e implántase a FP básica e fortalecemento da FP.

Achega desde Galicia

Vázquez Abad destacou que a aplicación da norma realizarase segundo unha das peticións presentadas desde Galicia e cun calendario flexible, distinto ao aportado inicialmente polo Ministerio. “Así, no curso 2014-2015, a nova normativa comezará a implantarse polos cursos 1º, 3º e 5º de Educación Primaria, coa previsión dunha avaliación no 3º curso de Primaria. Tamén comezará a desenvolverse o 1º curso de FP Básica. No 2015-2016 afrontarase a implantación en 2º, 4º e 6º de Primaria, cunha Avaliación Final no último curso desta etapa educativa; mentres que comezará a aplicarse tamén en 1º e 3º de ESO e 1ª de Bacharelato. De igual maneira, neste curso seguirá a implantación da FP Básica co 2º curso e  tamén se introducirán melloras en 1º e 2º curso de Grado Medio de FP”.

E continuou indicando que o último paso darase “no curso 2016-2017, no que chegará o momento de implantar  2º e 4º de ESO, neste último curso, cunha Avaliación Final; e tamén será o momento de aplicación do 2º curso de Bacharelato, con Avaliación Final", en palabras de Vázquez Abad.

Por outra banda, o conselleiro sinalou que “o marco normativo fixa que será o Goberno central o encargado de determinar os contidos, estándares de aprendizaxe avaliables e o horario lectivo mínimo das materias troncais –que en Primaria, ESO e Bacharelato non será inferior ao 50 por cento do horario lectivo–. Tamén será competencia estatal determinar os estándares de aprendizaxe avaliables das materias específicas. A Comunidade Autónoma de Galicia dispón de competencias propias que asumirá desde a perspectiva de adecuar os contidos dos currículos á realidade e singularidade propia (territorio, historia, lingua, cultura, idiosincrasia, etc.), ademais de exercer o seu dereito de autorganización en materia de ensino e promoción da lingua propia (o galego) e a súa convivencia coa lingua oficial do Estado (castelán)”.

"Para o currículo da Educación Primaria aparecen tamén como obrigatorias a Educación Física, como materia específica, e o galego e a literatura galega, como materia de libre configuración autonómica, coa mesma consideración que a lingua castelá en horarios, avaliación e carga lectiva" sinalou o conselleiro, que tamén incidiu no feito de que "para a Xunta é fundamental que o alumnado galego manteña a adquisición de coñecementos e competencias en Música e Plástica".

Xesús Vázquez lembrou que “o bloque de disciplinas específicas permite unha maior autonomía á hora de fixar horarios e contidos das disciplinas. E, por último, o bloque de disciplinas de libre configuración autonómica supón o maior nivel de autonomía, no que as Administracións educativas e, en menor medida, os centros, poden ofrecer disciplinas e metodoloxías propias”.

Currículos

O titular de Educación asegurou que a “Consellería está a traballar xa na concreción dos decretos de currículos estatais, con obxecto de adaptalos á realidade galega, con especial atención á obriga e o convencemento de facelos compatibles co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüísmo no ensino non universitario de Galicia”. Deste xeito, no relativo a Primaria destacou que se apostará polo reforzo da atención á diversidade; o mantemento da atención á lectura; o fomento dos estilos de vida saudables e activos, e a promoción do uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación na aula; así como a regulación das tarefas extraescolares/deberes en relación co esforzo”.

“Así pois, facendo uso das competencias e de acordo coa LOMCE, o horario lectivo das materias troncais estará por riba do 60 por cento do horario total do alumnado en Primaria e, polo tanto, reforzaremos o establecido na propia lei, que o fixa nun mínimo do 50 por cento do total", concluíu Vázquez Abad.

Equilibrio lingüístico

O conselleiro destacou a aposta polo equilibrio lingüístico afirmando que, “tal e como defendeu a Consellería desde un primeiro momento, a lingua e a literatura galega terán o mesmo peso que a lingua e a literatura castelá”, e na mesma liña engadiu que “tamén quedará consolidada a aposta pola aprendizaxe de linguas estranxeiras, en equilibrio coas linguas cooficiais. Fomentaremos que todos os coñecementos e as experiencias lingüísticas do alumnado contribúan ao desenvolvemento da súa competencia comunicativa plurilingüe”.

Deste xeito a Consellería volve a demostrar a súa aposta pola estabilidade e o equilibrio nas ensinanzas. Así, destacou que "haberá un reforzo dos contidos referidos á Galicia nas ciencias, tanto nas Sociais como nas Naturais. Isto supón apostar pola estabilidade do currículo de Primaria sen renunciar ao coñecemento do que é propio de Galicia", ao que engadiu que "fixamos un reforzo do horario lectivo de Primaria para as Matemáticas, do mesmo xeito a Consellería defende que o alumnado sega a adquirir coñecementos de educación plástica e música. Ao tempo que mantemos a Educación Física como materia específica obrigatoria e coa mesma carga horaria que ata agora".

Potenciación da Formación Profesional

Xesús Vázquez destacou que “a principal que introduce a LOMCE é a posta en marcha para o vindeiro curso da FP básica” e, sobre esta, recordou que “os novos estudantes de FP Básica terán un título oficial que lles permitirá a súa inserción profesional”.

“Galicia –dixo o conselleiro–afrontará no curso 2014-2015 o obrigado desenvolvemento do  1º curso de FP Básica, para o que procederá a substituír os actuais Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) e os adaptará ao desenvolvemento normativo da LOMCE” e agregou que “as ensinanzas de Formación Profesional Básica estarán organizadas en 21 títulos e constituídas por áreas de coñecemento teórico-prácticas, cuxo obxecto será a adquisición das competencias profesionais, persoais e sociais e das competencias da aprendizaxe permanente ao longo da vida”.

O titular da Consellería recordou que con esta intervención a Xunta volveu dar conta da súa capacidade diálogo, ao mostrar aos representantes dos galegos e das galegas o que recollerán os borradores de decretos autonómicos para os currículos de Primaria e FP Básica que, engadiu “teñen que cumprir cunha tramitación de exposición pública e sometemento aos distintos órganos sectoriais e consultivos, ata que o texto definitivo sexa aprobado polo Consello da Xunta.”