Cultura e Educación leva a Santiago de Compostela un concerto especial de 'Toc Toc' no marco do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes 2014’

Ante a grande acollida que está a ter a actuación deste domingo na capital galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello compostelán ampliaron a capacidade ata mil prazas e reforzaron a actividade cun Pablo Díaz que actuará arroupado pola banda Toc Toc ao completo

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe a actividade en rolda de prensa acompañado do artista coruñés, que puxo música ao acto cunha das cancións do seu exitoso espectáculo

‘FalaRedes’ chegará tamén esta fin de semana a Cuntis, Baiona e O Porriño

Mér, 26/03/2014 - 13:30
O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe a actividade en rolda
O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe a actividade en rolda de prensa acompañado do artista coruñés, que puxo música ao acto cunha das cancións do seu exitoso espectáculo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe en Santiago de Compostela o concerto infantil-familiar Toc Toc, que este domingo, 30 de marzo, chegará á capital galega ante unha grande expectación no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2014.

En rolda de prensa, García explicou que Toc Toc é a primeira das cinco propostas de promoción social do galego que ofrecerá este ano o programa, que entre marzo e abril levará este espectáculo a 20 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Nel, o coñecido artista coruñés Pablo Díaz dá conta do repertorio musical do seu libro-disco homónimo, publicado recentemente pola editorial Galaxia, co obxectivo de achegar a xente miúda ao galego de xeito lúdico e divertido.

Na presentación, que tivo lugar esta mañá no Pazo de Raxoi, o secretario xeral estivo acompañado pola tenente de alcalde, Reyes Leis, e por Pablo Díaz, que lle puxo música ao acto cantando unha das pezas do exitoso Toc Toc, que esta fin de semana tamén chegará a Cuntis, a Baiona e ao Porriño.

Grande acollida de Toc Toc en FalaRedes 2014

Precisamente Valentín García celebrou a grande acollida que está a ter esta primeira actividade de FalaRedes na capital galega, onde aos poucos días de poñerse a disposición do público as 260 entradas existentes inicialmente estas xa quedaron esgotadas, o que levou a Política Lingüística e ao Concello compostelán a ampliar a capacidade cambiando a actuación de sala para que ninguén quede sen a posibilidade de gozar en directo e de balde deste concerto en galego.

Así, a cita compostelá, este domingo ás 12,30 horas, trasladouse á Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, con espazo para 998 persoas e na que Pablo Díaz actuará arroupado pola banda Toc Toc ao completo, composta por un total de seis músicos, fronte aos tres habituais na xira de FalaRedes 2014. As persoas interesadas en asistir coa súa xente miúda pode retirar as entradas ata o sábado no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual - entre as 18:00 e as 21:00 horas-.

Música en galego para nenos de 3 a 10 anos

O musical co que botou a andar a terceira edición de FalaRedes está destinado a nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade e ás súas familias. Nel, a xente miúda da casa cántalle á alegría e á amizade, á vez que aprende valores como a paz ou o ecoloxismo, dun xeito lúdico e co galego como lingua.

Toc Toc rima con rock, pop, folk e tamén con soul, que neste espectáculo se mesturan coa tradición galega, convertendo o concerto nunha festa na que a cativada baila e canta no noso idioma. A música actúa así como fonte de transmisión do galego promovendo que os nenos sigan cantando as cancións tras finalizar a actividade.

Esta fin de semana tamén en Cuntis, Baiona e O Porriño

Tras o éxito rotundo colleitado nas últimas actuacións en Arteixo, Carral e Ferrol, o concerto de Pablo Díaz continúa a súa xira pola RDL. Así, nesta última fin de semana de marzo, ademais de Compostela tamén visitará Cuntis, o sábado ás 12:30 horas no Centro Social e Xuvenil José Raído "Patelas"; e Baiona, o sábado ás 18:00 horas no Auditorio V Centenario de Baiona.

O domingo, tras actuar no Auditorio de Galicia da capital galega, pola tarde chegará ao Porriño, vila que acollerá un pase ás 18:00 horas no Círculo Recreativo e Cultural. Nos tres concellos as entradas poñeranse a disposición do público o mesmo día no lugar do concerto, xa que, como en todas as actividades de FalaRedes, o acceso é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Xa en abril, o Toc Toc fará parada en Burela, Oleiros, O Barco de Valdeorras, Bueu, Xinzo de Limia, Vedra, Ponteareas, Vilagarcía de Arousa e Mos.

FalaRedes

Logo das case 400 actividades desenvolvidas nos seus dous primeiros anos de vida, FalaRedes chega á súa terceira edición con 150 novas propostas de dinamización lingüística que buscan cumprir os obxectivos emananados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva do galego na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL, reforzando así a súa oferta de ocio na lingua propia de Galicia. A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento do noso idioma no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 160 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais.

Menús News node R