Título node Learning object

Punto Virtual de Educación de Down Galicia
Mér, 25/11/2015 - 08:52
Down Galicia

Down Galicia é unha entidade que ten como misión mellorar a calidade de vida das persoas coa Síndrome de Down e discapacidade intelectual e das súas familias.

Esta entidade pon a disposición das comunidades educativa un Punto Virtual de Educación co fin de mellorar a coordinación e colaboración cos distintos axentes implicados no proceso educativo e así dar resposta ás necesidades do alumnado, favorecendo a súa inclusión nas aulas e nos centros.

Trátase dun portal web de referencia para distribuír información, recursos e metodoloxías educativas adaptadas, co que Down Galicia pretende achegarse á realidade do día a día, facilitando un recurso máis na atención á diversidade presente nas aulas, e promovendo e facilitando a inclusión, a participación e a aprendizaxe do alumnado coa síndrome de Down e outras discapacidades.

Desde Down Galicia convidan a todo o persoal docente a consultar ese Punto Virtual de Educación, a trasladar as consultas que estime e a compartir nese espazo aqueles materiais que considere de interese e utilidade, coa finalidade de crear, de forma conxunta, un banco de recursos do que todos e todas poidan enriquecerse. Para iso, prégase que se remitan aqueles materiais que se consideren axeitados para incluír neste recurso ao enderezo electrónico downgalicia@downgalicia.org, ou que se fagan chegar ao persoal técnico da área de Educación das entidades Down coas que se teña contacto.
Pódese acceder a ese Punto Virtual a través da ligazón aportada máis abaixo.