A Xunta de Galicia e o Valedor do Pobo forman a máis de 400 orientadores e persoal docente no uso responsable da internet e as novas tecnoloxías entre os adolescentes

O obxectivo é recoller datos reais sobre o emprego da rede por parte dos máis novos a través dunha plataforma online, a partires do que a Universidade de Santiago de Compostela elaborará un estudo completo

Mar, 29/04/2014 - 10:50
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na xornada ‘O uso responsable de Internet e as novas tecnoloxías entre os adolescentes’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na xornada ‘O uso responsable de Internet e as novas tecnoloxías entre os adolescentes’, coa que o seu departamento, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) achega a máis de 400 orientadoras, orientadore e persoal docente a plataforma online coa que se recollerán datos reais para o estudo do emprego da rede por parte dos menores. A iniciativa xorde a partires da colaboración asinada entre a Consellería, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Valedor do Pobo e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para afondar nos programas de prevención de riscos neste eido, que o conselleiro cualificou como “un dos principais retos da sociedade dos nosos días”.

Nun acto no que tamén participou o Valedor, José Julio Rodríguez; o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu o compromiso de todas as entidades involucradas “coa nosa mocidade, entendendo que a integración das TIC no noso día a día vai máis aló da simple dotación de recursos informáticos, comprendendo que toda innovación supón un importante reto no que atinxe ao seu uso responsable”. Neste sentido lembrou que esta é unha das liñas prioritarias de actuación da Consellería de Cultura e Educación “que xa manifestamos a través da lei de convivencia, en cuxo decreto de desenvolvemento estamos a traballar; e á que demos continuidade co protocolo xeral de prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar”. Así mesmo, Xesús Vázquez agradeceu o labor diario do profesorado para adaptarse á nova situación que supón a dixitalización progresiva dos centros educativos.

A plataforma

No marco desta colaboración, Valedor do Pobo encargouse do asesoramento técnico-xurídico dos aspectos relacionados coa protección de datos ou dos menores; mentres que a Amtega, xunto cos técnicos da Universidade, desenvolveu a aplicación informática e encargaranse do seu funcionamento e mantemento; e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é a encargada de sensibilizar e formar aos profesionais educativos para que empreguen a ferramenta. Pola súa banda, investigadores especializados da Universidade de Santiago de Compostela elaborarán os estudos e informes pertinentes.

O obxectivo desta iniciativa é promover unha actitude responsable no uso e aproveitamento de Internet e as novas tecnoloxías entre a mocidade, sensibilizando a pais e educadores ao respecto. Asemade o proyecto pretende construír unha base de coñecemento rigorosa a partir dos datos de preto de 80.000 estudantes, que servirá para promover un uso saudable da rede.

Programa

A xornada formativa comezou cun relatorio sobre a percepción e xestión de riscos online entr as e os menores europeos, da man de Maialen Garmendia, directora do equipo de Eukids Online en España e profesora do departamento de Socioloxía e Traballo Social da Universidade do País Vasco. Ademais, a xornada contará coa participación do presidente do Centro o Centro de Seguridade en Internet ‘Protégeles’, Guillermo Cánovas, que afondará no papel da internet e as redes sociais no desenvolvemento da identidade dos adolescentes. Así mesmo, entre outros profesionais do eido, participará o profesor da USC Antonio Rial, director tamén do 'Informe Extraordinario Adolescentes e Internet en Galicia', ao abeiro do que xordeu esta iniciativa.

Tras a presentación da plataforma por parte de responsables da Consellería e a Amtega, os asistentes á xornada terán a oportunidade de coñecer o Protocolo Xeral de prevención, Detección e Tratamento do Acoso Escolar e Ciberacoso, elaborado polo departamento educativo da Xunta de Galicia. Asemade, un inspector do Corpo Nacional da Policía e un avogado afondarán nos perigos da Rede desde o punto de vista legal e dos delitos tecnolóxicos.