Xesús Vázquez Abad recibe o alumnado do Proxecto Galauda, de viaxe de estudos en Galicia para complementar a súa aprendizaxe do idioma

Galauda é un proxecto educativo intercultural deseñado para promover o coñecemento da lingua e da cultura galegas entre o estudantado de educación secundaria de Cataluña

O conselleiro de Cultura e Educación mantivo hoxe un encontro con eles, no que tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística

Mar, 13/05/2014 - 14:34
Xesús Vázquez Abad recibe o alumnado do Proxecto Galauda, de viaxe de estudos en
Xesús Vázquez Abad recibe o alumnado do Proxecto Galauda, de viaxe de estudos en Galicia para complementar a súa aprendizaxe do idioma

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia o alumnado que estuda galego no Col•legi El Casal de Castellar del Vallès e as dúas docentes que o acompañan na súa viaxe de estudos á nosa comunidade autónoma. Este centro educativo participa no Proxecto Galauda, cuxo obxectivo é defender a diversidade lingüística e cultural mediante o ensino da lingua e da cultura galegas en Cataluña e das catalás en Galicia.

“Ao estudardes galego en Cataluña estades ampliando o voso coñecemento da realidade plurilingüe de España e, con el, estades contribuíndo a afianzala”, manifestoulles o conselleiro Vázquez Abad, quen tamén sinalou durante a súa intervención no acto a importancia de “coñecer outra lingua e outra cultura para apreciar e respectar a comunidade que a ten como propia, así como a de valorar a variedade de idiomas que nos rodea e que nos enriquece”. Tamén participou na recepción o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Durante a súa estadía en Galicia, os estudantes cataláns visitarán as cidades de Lugo, da Coruña e de Santiago de Compostela e realizarán diferentes actividades que lles permitan practicar a lingua galega e coñecer de primeira man a cultura de Galicia.

Proxecto Galauda

Galauda é un proxecto educativo intercultural que se asenta en dous piares principais: fomentar entre os adolescentes o respecto cara ás linguas e cara ás culturas e mais defender a diversidade lingüística e cultural, de xeito que a perciban como un ben imprescindible para unha sociedade cohesionada. Estas aspiracións concrétanse no coñecemento da lingua e da cultura galegas en Cataluña e da lingua e da cultura catalás en Galicia mediante a asistencia a clases voluntarias nos centros de ensino de secundaria.

En Galauda están implicadas as administracións galega e catalá, así coma a Universitat de Barcelona, impulsora do proxecto dende 1999, ano en que se fixo posible estudar galego nos centros de secundaria de España.

Os centros educativos participantes, ademais de impartiren clases de galego e de organizaren intercambios e visitas a Galicia para perfeccionaren o coñecemento lingüístico e cultural do alumnado, elaboran materiais de aprendizaxe do galego e desenvolven actividades culturais, coma teatro ou a participación no Salò Internacional del Cômic de Barcelona, entre outras.

Aprender galego no exterior

A Consellería de Cultura e Educación impulsa por diversas vías a aprendizaxe da lingua galega fóra de Galicia. No ensino secundario, aos centros Galauda súmanse, en España, os das comarcas do Bierzo e de Sanabria que se benefician do Protocolo de Colaboración entre Galicia e Castela e León; no estranxeiro, os colexios Cañada Blanch de Londres e Santiago Apóstol de Bos Aires. No ensino superior, a Rede de Centros de Estudos Galegos permite ensinar a nosa lingua cultura en 36 universidades de Europa e América, das cales 28 contan con lectorados de lingua, literatura e cultura galegas.

En Cataluña impártese galego na Universidade Autónoma de Barcelona e na Universidade de Barcelona, nas escolas oficiais de idiomas e mais na educación secundaria no marco do Proxecto Galauda.