Vázquez Abad abre o curso de posta en escena do director canadense Joël Beddows, organizado pola USC co apoio da Consellería de Cultura e Educación

O conselleiro recibiu esta mañá os participantes no encontro, que se desenvolverá en Santiago ata o vindeiro día 23 e para o que se completaron rapidamente as 22 prazas dispoñibles

Responsable do Departamento de Teatro da Universidade de Ottawa, Beddows posúe unha afamada traxectoria como teórico e director teatral no seu país

Os alumnos, na súa meirande parte profesionais da escena galega, terán a oportunidade de se perfeccionar no ámbito dirección a partir da adquisición de novas ferramentas técnicas e dunha fonda reflexión práctica sobre o tema

Lun, 12/01/2015 - 11:57
Vázquez Abad abre o curso de posta en escena do director canadense Joël Beddows
Vázquez Abad abre o curso de posta en escena do director canadense Joël Beddows

Xesús Vázquez Abad abriu hoxe o Curso de Posta en Escena que, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, imparte o director canadense Joël Beddows ata o vindeiro día 23. Un total de 22 alumnos, profesionais da escena galega na súa maioría, asisten a este encontro co obxectivo de se perfeccionar na dirección teatral a partir da adquisición de novas ferramentas técnicas e dunha profunda reflexión práctica arredor desta materia.

No acto de recepción ao alumnado, celebrado no Salón Teatro de Santiago, Vázquez Abad sinalou que a través deste curso universitario de formación continua a Consellería de Cultura e Educación e a USC “renovan unha vez máis o seu compromiso conxunto coa escena galega e, nomeadamente, cunha formación específica e de calidade neste ámbito”.

Composición do alumnado

Tras destacar a magnífica oportunidade que supón contar en Galicia co profesor Beddows, director do Departamento de Teatro da Universidade de Ottawa, para compartir cos profesionais e estudantes galegos “a súa orixinal e suxestiva visión da dirección escénica, así como os seus xeitos de combinar teoría e práctica, nun achegamento pedagóxico dinámico e innovador”, o conselleiro dedicou unhas palabras á composición do alumnado: “A súa resposta –asegurou– cumpriu con creces as nosas expectativas non só canto ao número de solicitudes recibidas, cubríndose máis que sobradamente as 22 prazas dispoñibles, senón tamén en relación ao nivel dos inscritos, na meirande parte dos casos cunha contrastada traxectoria profesional e con experiencia, igualmente, na ensinanza teatral”.

“É precisamente esta resposta a que nos anima a continuar afondando nesta liña de colaboración con diferentes entidades e institucións, tanto públicas como privadas, para articular novas propostas que contribúan a impulsar a especialización e a formación continua dos nosos profesionais e, en consecuencia, nos permita seguir facendo gala dun sector moi competente e competitivo tanto a nivel artístico como técnico”, afirmou o titular de Cultura e Educación.      

Xunto co conselleiro e o propio profesor Beddows, asistiron tamén a este acto de apertura o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil; o director do Centro Dramático Galego (CDG), Manuel Guede Oliva; e o profesor Manuel García Martínez, titular do Departamento de Filoloxía Francesa e Italiana da USC. Este departamento universitario encargouse da organización do curso, unha das iniciativas de colaboración inseridas á súa vez no programa de actividades do CDG para a temporada 2014-15.   

O límite como oportunidade

Este encontro articúlase arredor de dúas nocións contrapostas, pero paradoxalmente asociadas ambas ao proceso creador de calquera director: os límites e a liberdade. Así, partindo da idea de que o director contemporáneo se enfronta a unha serie de realidades (materiais, técnicas, financeiras, espaciais ou artísticas) que poden ser percibidas como obstáculos, os alumnos levarán a cabo unha serie de exercicios prácticos encamiñados a inverter esta tendencia. O obxectivo desta primeira parte do encontro será, pois, demostrar en que medida o espírito creador permite atopar neses límites oportunidades para renovar o discurso artístico.

Nunha segunda parte, afondarase nunha reflexión práctica sobre como a partir dunha linguaxe artística se pode crear unha linguaxe escénica. Por último, as diferentes actividades conducirán o alumnado a comprender en que medida a súa propia relación coa práctica é un límite do que se poden liberar, e como a súa práctica se define polo compromiso cun pensamento persoal ou cun procedemento formal, ao mesmo tempo que pola súa ruptura e a súa posta en cuestión.

Teatro e outras formas de arte

Ademais de posuír unha intensa e recoñecida traxectoria como director teatral no seu país e do seu traballo á fronte do Departamento de Teatro da Universidade de Ottawa, Beddows dirixe desde 2006 unha cátedra sobre francofonía canadense,  a través da que se está a investigar na relación entre o teatro e outras formas de arte, como a poesía contemporánea. Como director artístico do Théâtre La Catapulte, afondou tamén no seu compromiso cos artistas emerxentes francófonos da provincia de Ontario.

Autor dunha ampla obra teórica, na súa faceta creativa mestura o seu labor de dirección cunha profunda reflexión dramatúrxica, teórica e histórica, combinación que se reflicte na súa capacidade para explicar e aplicar a relación da teoría e a historia do teatro coa práctica escénica inmediata.